Unha bala perdida

O boquete das Casas de Paredes

O boquete das Casas de Paredes (foto: Eloy Vázquez)

Hoxe vouvos contar unha historia da Guerra Civil. Esa que parece xa relegada aos libros de historia e ás películas de Saura, mais que mantén algunhas cicatrices aínda non ben pechadas.

O meu avó conta que, na Coruña, a guerra foron “catro tiros”. É certo que en Galiza o golpe triunfou axiña, e non se chegou a formar unha verdadeira fronte de guerra. Porén, a represión posterior deixou miles de mortos, que non puideron nin sequera defenderse no campo de batalla. Mais para ser “catro tiros”, deixaron boa pegada. Logo vos conto.

Tras o golpe do 17 de xullo, na Coruña chegouse a organizar unha defensa por parte dos obreiros, e mesmo puxéronse en camiño grupos de miliciáns desde os arredores da cidade, incluso procedentes de Santiago… Mais todo o esforzo foi en van. O día 20 de xullo, antes de chegar as brigadas obreiras, os militares tomaron os puntos clave da cidade: Correos (que xa estaba na Mariña, como agora) ou Radio Coruña (na praza de Ourense). Mais no Goberno Civil (que estaba no edificio do Teatro Rosalía) os leáis á República fixéronse fortes. Os golpistas instalaron unha batería de artillería no Parrote e liáronse a pepinazos co Teatro Rosalía, até que ás seis e media da tarde dese mesmo día 20, o Goberno Civil rendeuse. O resultado, podédelo ver na imaxe.

Teatro Rosalia bombardeado

O Teatro Rosalía despois do bombardeo de 1936

Dacordo, podería ter sido peor, pero non debeu de ficar un cristal enteiro. Durante o ano seguinte, o Teatro foi restaurado; mais aínda na última rehabilitación que se fixo (rematada en 1995), apareceron restos de metralla incrustados… no interior do teatro!

Pero como este artigo comezaba falando das cicatrices non pechadas, non é o Rosalía o que realmente nos interesa. Xusto á esquerda do Teatro, están as chamadas Casas de Paredes (sí, esas de pedra tan chulas). Xa falara delas na entrada dos soportais da cidade. E quizáis máis adiante lles adique unha entrada propia, porque ben a merecen. Nesas casas, na primeira delas, está a nosa cicatriz. Podería ser a erosión, ou a sarabia (vale, tería que ser unha sarabia do tamaño dun coco). Non teño probas de que ese boquete sexa un resto do bombardeo de 1936. Pero se algunha vez víchedes o tipo de burato que deixa unha bala de cañón nunha parede de pedra, parécese bastante a isto. A unha cicatriz mal curada.

O Parrote. Batería de 1936

O Parrote. Lugar desde onde se bombardeou o Teatro o 20 de xullo de 1936

 

Referencias:
- SÁNCHEZ GARCÍA, Jesús Ángel: La arquitectura teatral en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1997
- Varios autores: Historia de A Coruña. Ed. conxunta de Via Láctea Editorial e Editorial La Capital, S.L. A Coruña, 1998.

 

Pin It

Un comentario sobre “Unha bala perdida

  1. Eloy Vázquez 06/05/2014 at 10:17 - Reply

    Terías que tratar de pubricar o libro que tes escrito, co título de “clave de sol” que percorre as rúas da Coruña. Penso que sería moi interesante…Pénsao!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>