Onde Coruña lavaba os trapos sucios

Cousas tan cotiás como a colada fanse hoxe de xeito radicalmente diferente a como se facían hai cen anos. E iso ten deixado, tamén, a súas pegadas na cidade.

Lavadoiro do Orzán (foto: Emalcsa)

Lavadoiro do Orzán

A lavadora é o grande invento da humanidade.

Samuel Pepys, o autor de diarios inglés, escribía en 1666 “cando toca colada cenamos carne fría”. Facer a colada era unha tarefa ingrata, e de tela que facer hoxe do mesmo xeito, os ximnasios non terían negocio: unha hora de fregoteo equivalía a unha hora de natación a ritmo de carreira. Así era que, até o século XVIII, cando a Revolución Industrial abaratou os custos das telas, o normal era retrasar esta tarefa o maior tempo posible, e lavar a roupa unha vez ao mes.

Cando escribín da sede que tiña Coruña no pasado, xa vos comentara que, salvo os burgueses, a maioría da xente tiña que abastecerse de auga enchendo as sellas nas fontes públicas, pois non había traída corriente no común das casas. De xeito que, para lavar a roupa, era máis fácil acudir aos lugares onde había auga que levar toda a auga necesaria para facer esta labor ás casas. Estes lugares podían ser os ríos, (os poucos que había na cidade, como o Monelos), as fontes ou os lavadoiros.

Lavadoiro no río Monelos

Lavadoiro no río Monelos

Os lavadoiros eran construcións comunitarias feitas a carón dunha corriente de auga ou dun manatial, onde as mulleres reuníanse para facer a colada da súa familia ou da casa na que servían, se eran criadas ou pertencían ao gremio das lavandeiras. Mais non só para iso servían: os lavadoiros eran tamén auténticos mentideiros, onde se difundían as historias e chismes oficiosos da cidade, selábanse amizades ou granxeábanse odios. Expresións como “lavar os trapos sucios” ou non falar cando “hai roupa tendida” proceden daquel submundo de xabón, auga, pedra e prendas secándose ao sol, en prados ou tendais cercanos, ao abeiro das lerias das nosas bisavoas.

No centro da Coruña houbo lavadoiros cerca das fontes da Fama e de Santa Catalina; ignoro se habería algún en Azcárraga pero é posíbel. De tódolos xeitos, a mediados do século XIX o concello tratou de alonxar do centro da cidade as actividades molestas ou menos hixiénicas, entre as que parece que estaba a de facer a colada. E así, en 1866, os lavadoiros das dúas fontes do centro foron substituídos polos do Orzán e o do Parrote que, aínda que estaban na propia cidade, situábanse alonxados das zonas de tránsito habitual e burgués. Estes dous edificios tiñan un deseño acorde coa súa importancia, sendo o do Orzán (tamén chamado de Caramanchón) un auténtico monumento neomudéxar, onde, como conta Lucindo-Javier Membiela, Picasso asomábase a ollar “las sombras y a aspirar el indefinible olor a cosa lavada”.

Lavadoiro de San Carlos

Lavadoiro de San Carlos no Parrote

Ademais destes fermosos templos da hixiene de primeira división, os barrios contaban cos seus correspondientes lavadoiros: dous dos máis famosos eran os da Falperra, na rúa do mesmo nome, e o de Monte Alto, que estaba na confluencia entre Orillamar e a rúa da Torre. Este último probablemente era o máis grande da cidade cando foi derrotado pola lavadora e caeu, alá polo 1988.

Lavadoiro de Monte Alto

Lavadoiro de Monte Alto

Lavadoiro da Falperra

Lavadoiro da Falperra

A lavadora é o grande invento da humanidade, e conseguiu acabar cos lavadoiros. Hoxe ninguén lava na rúa, e as conversas das nosas bisavoas están agora no bar, sen cinza e sebo mais con cervexa e tapas. Os vellos lavadoiros foron desaparecendo segundo ía avanzando a mancha de cemento da cidade, e así caeron os que vos citaba na Falperra e Monte Alto, mais tamén o de Santa Margarida (no Paseo das Pontes), o de San Diego (onde hoxe está o parque), o de Visma, o de San Roque (un dos últimos en desaparecer, canda o seu barrio), e uns cantos máis (podedes ver algúns deles na estupenda páxina de Facebook de Emalcsa). Os vellos barrios periféricos, que perderon a súa antiga fisonomía, o seu xeito de vida máis rural que urbán, os seus vellos oficios e o espíritu das súas romerías, perderon tamén os seus lavadoiros, fagocitados por unha cidade que, de tanto querer ser cidade, ás veces se esquece de que tamén agroma sobre unha terra que xa estaba domesticada antes de que ela chegara.

Mais como xa sabedes, ás veces a cidade ten despistes e perdoa a vida de vellas pedras que fican fóra do contexto, mais supervivintes ao fin.

O lavadoiro da Moura, situado na Avenida de Fisterra, cerca de A Silva, é un deses supervivintes. En moi mal estado, xa non ten auga, que seguramente tomaba da Fonte de Fontenova, un dos dous pichos antigos que se conservan na zona (o outro é o de Cances), e que eran famosos pola pureza das súas augas.

Lavadoiro da Moura (Foto: EVF)

Lavadoiro da Moura (Foto: EVF)

Fonte de Cances (Foto: EVF)

Fonte de Cances (Foto: EVF)

No parque de Oza consérvase un pequeno lavadoiro de pedra, que debía de dar servizo ás casas da zona e que, ao construír o parque, foi colocado diante da Fonte do Corgo. Esta fonte, da que xa vos falarei con máis calma outro día, ten varias irmás no antigo concello de Oza, datadas todas elas en 1816.

Unha desas irmás é a Fonte de Montes, na parte alta do mesmo parque de Oza. Esta fonte si tiña vencellado un lavadoiro que non se conserva. Fica en pé a fonte aínda que máis que en pé, un tanto axeonllada, porque nalgunha reforma da rúa algún brilante enxeñeiro deciciu deixala medio soterrada. Para que non collera frío, supoño.

Fonte e lavadoiro no Corgo - Oza (foto: EVF)

Fonte e lavadoiro no Corgo – Oza (foto: EVF)

Fonte de Montes - Oza (foto: EVF)

Fonte de Montes – Oza (foto: EVF)

Un dos lavadoiros que mantemos, e quizais incluso aínda utilizado por algún veciño con inercia nas costumes, é o de Elviña, situado moi cerquiña da igrexa de san Vicente, escenario da famosa batalla napoleónica e de lendas de pantasmas de soldados e outras historias. Aínda que en mal estado, non parece correr perigo polo de agora. Antigamente debía de tomar a auga da fonte de Elviña, similar tamén ás dúas de Oza que xa vos presentei, e que podedes ver na imaxe ao seu carón.

E, xa por último, fícannos dous lavadoiros máis rurais, máis alonxados da cidade e, por fortuna, ben conservados, aínda que máis como adorno enxebre que como cousa en uso: os de Palavea e o de Feáns. Pequenos os dous, nas antípodas de aquel palacete neomudéxar no que Picasso descubriu os segredos das lavandeiras.

Lavadoiro e fonte de Elviña (foto: Google Maps)

Lavadoiro e fonte de Elviña (foto: Google Maps)

Lavadoiro de Feáns (foto: EVF)

Lavadoiro de Feáns (foto: EVF)

Quizais a lavadora non sexa o grande invento da humanidade. Quizais sexan máis importantes a anestesia, os números arábigos ou mesmo a roda. Pero do que non cabe dúbida é de que a lavadora é un dos inventos que contribuiu a alonxar, para ben e para mal, aquel país perdido nos tempos que aínda coñeceran as nosas avoas e do que elas foron as últimas mohicanas. Aquel país que existía antes de que as cidades quixeran ser aínda máis cidades.

Pin It

Un comentario sobre “Onde Coruña lavaba os trapos sucios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>