O porto en terra

A partir do século XIX o porto de Coruña pasa de ser un porto de area e mar a un porto de recheo e recheas: rúas, dársenas e aparcadoiros.

Antigo gravado do porto coruñés

Antigo gravado do porto coruñés

De seguro que cando vos falo dun embarcadoiro pensades en lanchiñas, o mar, os norais, os pesqueiros e demais fauna marítima. En ningún momento se vos ocurre velo rodeado de coches, rúas e beirarrúas, un vado permanente pegado, e lonxe do mar… non si?

Pois na Coruña temos un así. Porque somos así de chulos.

En realidade, este fósil urbano (creo que xa os falei do meu concepto de fósiles urbanos en anteriores edicións) ten máis historia que a nosa chulería. Antes de dicirvos onde está, deixádeme que vola conte.

De seguro que moitos de vós escoitástedes que, na Coruña, gañouse moito terreo ao mar. Lembro ao meu avó falar dos xardíns do Relleno, oficialmente Méndez Núñez, e nun futuro, se cadra, Xardíns da Rechea, en honor á intensa actividade etílica que se leva a cabo neles durante as fins de semana. Estes xardíns, ao igual que grande parte dos Cantóns e da Mariña, están construídos sobre terrenos que, antigamente, eran mar (e praia). Botádelle unha ollada a estes dous planos:

O porto coruñés en 1819 e en 2014

O porto coruñés en 1819 e en 2014

Comparando o fermosísimo plano de Felipe Gianzo, de 1819, co de Google Maps (sobre o que marquei a antiga liña de costa), chama a atención, ademais de todo o que se lle gañou ao mar, o feito de que, antigamente, non existía un peirao como tal. O porto da Coruña, que durante séculos foi o porto militar máis importante do Norte peninsular, era, basicamente, un semiareal, ao que, a partir de mediados do século XVIII, se lle foron engadindo algunhas rampas e malecóns. Cando a marea baixaba, a praia ficaba á vista, e nela varaban, reparaban e carenaban os mariñeiros as súas lanchas. Os navíos ficaban fondeados na baía, e as rampas permitían a descarga de pasaxeiros e mercadorías, tal e como podedes ver no gravado que encabeza o artigo.

Con todo, na Palloza existían unhas importantes instalacións portuarias dedicadas ao tráfico dos Correos de Ultramar, dos que a Coruña tivo o monopolio até ben entrado o século XIX. É dicir, que todas as cartas que ían ás colonias americanas dende España saían de alí. A Fábrica de Tabacos (que está marcada en vermello en ambos planos) foi, na súa orixe, un pequeno almacén de víveres ao servizo dos correos. Había ademais outra serie de tinglados, un arsenal, gradas de reparación e construción de buques e algún dique. Todo isto, organizado ao redor da baía, que entraba e ocupaba o que hoxe é a praza da Palloza. A Fábrica de Tabacos daba directamente diante do mar. Nada que ver co que hai hoxe, verdade?

Mais no século XIX todo isto cambiou. Era necesario un porto en condicións e había ganas de mellorar a imaxe urbana da cidade. Así que, a partir de 1860, empezouse a rechear toda a liña de costa dos Cantóns, creando o Paseo de Méndez Núñez (o noso bebódromo), e comezáronse a construír peiraos, diques, a Dársena e demais, terminando para sempre co areal do porto.

Un dos recheos máis tardíos foi, precisamente, o que se fixo na Palloza. Debeu de ser cara 1890 (dacordo con documentación de obras da Fábrica de Tabacos), e permitiu crear a praza da Palloza e a costa do mesmo nome.

Precisamente nesta costa da Palloza e por culpa deste recheo ficou, para sempre varado en terra, o noso embarcadoiro. Probablemente un dos varios que houbo cando esa zona fervía co tráfico dos correos marítimos, e que daba tamén servizo aos pescadores do barrio de Santa Lucía, e hoxe supervivinte en forma de extraña rampa e escaleira que comunica Fernández Latorre coa costa da Palloza. Un embarcadoiro en terra.

Porque, a chulos, non nos gaña ninguén.

O antigo embarcadoiro da Palloza (foto: Eloy Vázquez)

O antigo embarcadoiro da Palloza (foto: Eloy Vázquez)

O antigo embarcadoiro da Palloza (foto: Eloy Vázquez)

O antigo embarcadoiro da Palloza (foto: Eloy Vázquez)

Referencias:
- GONZÁLEZ LÓPEZ, Emilio: La Coruña: puerto y puerta de la ilustración. Diputación de A Coruña. A Coruña, 1987
- PUERTO BARRIOS, Nicolás: Ocaso y fin de los Correos Marítimos.
http://coitt.es/res/revistas/05e_Rep_Corre_BmaritimosNF.pdf [Consultado o 24/06/2014]
- GUTIÉRREZ, J.M: A Palloza: El antiguo embarcadero de la pesca.
http://blogs.laopinioncoruna.es/callejero/2009/08/29/a-palloza-el-antiguo-embarcadero-de-la-pesca/ [Consultado o 24/06/2014]
- VIGO TRASANCOS, Alfredo: A Coruña y el Siglo de las Luces. La construcción de una Ciudad de Comercio (1700-1808). USC-UDC. Santiago de Compostela, 2007
Pin It

3 Comentarios sobre “O porto en terra

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>