De hospitais e torneos de fútbol

O Hospital da Caridade (imaxe: Foto Blanco)

O Hospital de Caridade (imaxe: Foto Blanco)

Os nomes das rúas son fósiles urbanos. Un fósil urbano é un elemento da cidade que perdeu o seu contexto orixinal, e que fica como descolocado nunha cidade sempre cambiante. Non sei se o termo é moi científico, pero a min gústame chamarlles así.

Como vos dicía, un grupo destes fósiles son os nomes das rúas. Sobre todo nos barrios antigos, os nomes das rúas tiñan a maioría das veces relación co lugar onde estaban ou co que alí se facía, mais esta relación en moitos casos xa non existe, e só fica o nome da rúa como lembranza. O clásico exemplo son as ruas gremiais: Zapatería, Ferrerías, Panadeiras… Nin zapateiros, nin ferreiros, ni panade… oh, wait, hai algunha panadería en Panadeiras… Demos, entendíchedes perfectamente o que quero dicir.

A rúa Hospital, hoxe (foto: Eloy Vázquez)

A rúa Hospital, hoxe (foto: Eloy Vázquez)

A rúa Hospital sube de Salesianos en dirección ao Campo da Leña, e pasa a carón do instituto de Zalaeta, onde tantos habitantes de Monte Alto emigraron para completar estudos. O nome da rúa é outro deses fósiles. Xusto na mazá que mira á porta do instituto, existiu até os anos sesenta o Hospital de Caridade, fundado no século XVIII por Teresa Herrera (que? Non, non, esta señora nunca foi presidenta do Dépor). O nome da rúa, xa vos podedes imaxinar, refírese a este hospital.

Teresa Herrera era coñecida entre os coruñeses como “vella bruxa” e “muller dos demos”, pois era habitual vela percorrer axeonllada o camiño entre a súa casa e a igrexa de san Nicolás, para ir a facer os seus rezos diarios (segundo a xente, para espantar a eses demos). Aparte de suposta bruxa, Teresa Herrera dedicábase á beneficencia, e atendía na súa casa a mulleres enfermas que non se podían manter. Xa anciá, e desexando que o seu legado perdurase, decidiu donar os seus bens para a construción dun Hospital de Caridade, que se levantou en Zalaeta, un barrio daquela traseiro e dedicado a zona cuartelaria e agrícola. O edificio comezouse a construír en 1791 (ese mesmo ano morría Teresa Herrera e, de paso, tamén morría Mozart), e a súa construción prolongouse até ben entrado o século XIX. Ademais de funcionar como hospital, tiña tamén unha inclusa, para resolver o inxente problema de nenos non deseados que por aquel entón había (*). A partir de 1845 engadíuselle un hospicio para nenos e anciáns.

Dúas imaxes do Hospital de Caridade. Os nenos pertencían á inclusa do Hospital (fotos: probablemente Foto Blanco)

Dúas imaxes do Hospital de Caridade. Os nenos pertencían á inclusa do Hospital (fotos: probablemente Foto Blanco)

O edificio era sobrio e elegante, parecido en certa forma ao cuartel de Atocha que sobresae tras o concello. Tiña unha potente portada enmarcada por pilastras toscanas, e un patio porticado a modo de claustro. Era un edificio grande e capaz, moito máis grande que os pequenos hospitais que daquela existían na cidade (basicamente, o do Buen Suceso e o Hospital Real, dous pequenos sanatorios que estaban onde hoxe se levanta o Abente y Lago). Con todo, sendo un edificio notable e de boa factura, caeu, como tantos outros, a mediados do século XX. Co actual Materno xa inaugurado, e o Marítimo de Oza, o Militar e o de Eirís funcionando había xa tempo, o vello caserón de Zalaeta xa non era necesario… E en 1967 desapareceu.

¿Xa está? ¿Desapareceu sen máis? Non, dacordo: conteivos ao principio o dos fósiles urbanos… e non. Non desapareceu sen máis. Fica aínda algún fósil deste hospital, aparte do nome da rúa onde estaba. Algunhas das súas pedras pódense atopar en sitios insospeitados da cidade.

Seguro que todos coñecedes os soportais do Paseo Marítimo. Fixéronse durante o século pasado, xa levantada a prohibición de construílos no centro da cidade. Se vos fixades ben, os arcos do Eusebio da Guarda (máis ou menos fronte ao rompeolas) son de pedra… extrañamente antigos. Voilá! Aquí tendes o noso primeiro fósil. Eran os arcos do patio interior do Hospital. Non todo desapareceu, parece.

Arcada do Hospital no IES Eusebio da Guarda (foto: Eloy Vázquez)

Arcada do Hospital no IES Eusebio da Guarda (foto: Eloy Vázquez)

Restos do Hospital na Casa Cornide (foto: Eloy Vázquez)

Restos do Hospital na Casa Cornide (foto: Eloy Vázquez)

Mais isto non é todo. A portada do Hospital, coas súas fantásticas pilastras toscanas, aínda existe. E nos vos podedes imaxinar o que se fixo con ellas… regalarllas a Franco! Si, ho, si, así foi. E onde as puxo? No lateral da súa casa de Coruña, que era o pazo de Cornide, fronte á Colexiata. Non se lle ocorreu outra cousa que facer un cortar e pegar no lateral do edificio, poñendo a porta do Hospital como entrada do garaxe, e as pilastras rodeándoa. Tamén hai quen di que a escaleira de pedra do Hospital está dentro desa casa, pero creo que tardaremos bastante en sabelo.

E a nosa heroína? Teresa Herrera, cuxas andanzas inspiraron un famoso torneo benéfico de fútbol do que os ingresos se destinan precisamente á caridade, ficou ben contenta, enterrada como está na súa querida igrexa de san Nicolás, nunha fantástica capela lateral que… Bandeira do Dépor? Que dis ho, que bandeira do Dépor vai haber aí!

En fin. Quizais máis adiante vos conte algunha historia dos horfos do Hospital de Caridade, o doutor Balmis e a extraña e curiosa expedición médica que os levou a América. Pero iso será outro día…

(*) Se algún de vós se apelida Expósito, é bastante probable que un antepasado voso tivera estado nesta inclusa ou noutra similar. Investigade, que é gratis.

 

Referencias:
- GARCÍA-ALCAÑIZ YUSTE, Julia: Arquitectura del neoclásico en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1989
- Teresa Herrera – Wikipedia, la enciclopedia libre. http://es.wikipedia.org/wiki/Teresa_Herrera [Consultado o 11/05/2014]
- VIGO TRASANCOS, Alfredo: A Coruña y el Siglo de las Luces. La construcción de una Ciudad de Comercio (1700-1808). USC-UDC. Santiago de Compostela, 2007

 

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>