A Coruña en Verso (Alfredo Ferreiro)

Comezamos cada semana cunha cita coa poesía sobre A Coruña. Hoxe con un poema sen título de Alfredo Ferreiro que nos invita a dar un paseo pola nosa cidade.

Alfredo Ferreiro. Foto: Arquivo da Asociación Escritores en Lingua Galega.

Alfredo Ferreiro. Foto: Arquivo da Asociación Escritores en Lingua Galega.

Alfredo Ferreiro (A Coruña, 1969). Potea, xestor e animador cultural, é licenciado en Filoloxía Hispánica pola UDC, especializado en teoría da literatura. Comezou publicando os seus primeiros textos na primeira andaina da revista Luzes de Galiza. Como editor, foi socio fundador de “Amigos de Azertyuiop” (1995) xunto a Tati Mancebo, Dulce Fernández Graña e François Davo. O grupo editou Os cadernos de Azertyuiop (1995-1999), unha recompilación de obras de diversos autores.

Publicou os libros Metal central (2009) e Versos fatídicos (2011). É un dos membros do equipo da comunidade de blogs en lingua galega Blogaliza e xunto con Tati Mancebo e o tamén poeta Ramiro Torres, formou a cooperativa de xestión de contidos culturais, audiovisuais e de internet, Algueirada.

Neste poema que publicamos hoxe, Alfredo fálanos da Coruña. Os últimos versos falan da chegada da primavera, pero a imaxe final tampouco lle vén mal a este tempo de outono, camino xa do inverno.

 

Tanto delirio ao lombo

ten esta cidade:

cans que corren entre crianzas,

vellos que acenan alegres

para faceren parte

de enrugadas fotografías.

 

Dá a cidade toda para unha praza

en que as crianzas se concentran.

Cans veñen a correr pola avenida

que as crianzas asustan

e secan as fontes de rúas nocturnas.

 

Baixo os farois de rúas e estradas

corpos perdidos pasean

entre predios distantes

cunha man na cabeza

e a outra perdida na névoa portuaria

Son vellos a caeren mortos

ao medio de xardíns románticos,

as cabezas a abalaren

como pedras caídas de carreta.

 

Chega a primavera

cun fato de grinaldas secas.

 

*De A cidade de vidro (1995)

Libro: A Coruña á luz das letras (Trifolium, 2008)

Autor: Alfredo Ferreiro

Foto: Chano Amado

Foto: Chano Amado

Pin It

2 Comentarios sobre “A Coruña en Verso (Alfredo Ferreiro)

  1. Agradeço a Vivir na Coruña que tenham lembrado nestes dias um dos poemas que escrevi quando retornei à cidade em que nasci, e que tão bons momentos me permitiu viver sob os mantos da sua penetrante luz e da sua latejante névoa. Nunca esquecerei as muitas noites de poesia, cerveja irlandesa, vinho do Porto, música folque e brasileira num quase ininterrompido fascínio de candorosa amizade e fervente inspiração juvenil. Agora vêm estes amigos e me lembram tão gratos momentos… assim que muito muito obrigado.

  2. Daniel Fernández 17/11/2014 at 16:02 - Reply

    Para iso estamos Alfredo, para mostrar o que inspira esta cidade, con todos os aditivos que se lle queiran poñer. Unha aperta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>