David Paz: “Nós facemos cultura, sen ningún tipo de apelativo”.

O Espazo Social de Intervención Artística Casa Tomada celebra o seu primeiro ano de vida. Falamos con David Paz, un dos seus promotores, para coñecer o proxecto máis de cerca.

Casa Tomada es una espacio donde conviven programación y actividades de todos los estilos. Foto: Chano Amado.

Casa Tomada é un espazo donde conviven programacións e expresións de todos os estilos. Foto: Chano Amado.

Algúns a temen. Non é allea, pero fai ruido. En ocasión provoca murmurios. Voces que debaten entre si. Golpes de lucidez que afastan o baleiro. E o esquecemento. A cultura, hai un ano, tomou a casa abandonada xunto ás vías do tren. Hoxe é un dos referentes da cultura que algúns denominan alternativa e, porén, non é máis que iso: cultura.

A Casa Tomada, que debe o seu nome ao famoso conto de Cortázar, está de aniversario esta fin de semana. Ao longo destes doce meses a súa ampla programación musical, de artes escénicas, infantil ou educativa, nunha clara aposta pola creación, a intervención social e a concepción de cultura como ferramenta para transformar as persoas e construír cidade, non pasou desapercibida. Polo menos 5.000 coruñesas e coruñeses gozaron das actividades que un grupo de oito mozos e mozas decidiu emprender, non sen risco, cunha motivación persoal: gozar da cultura e do ocio que ata o momento non atopaban na Coruña, e que agora comparten cos seus veciñ@s.

Coordinar un proxecto como Casa Tomada non é doado. Supón esforzo e implicación en áreas de traballo que permanecen invisibles diante da evidencia das artísticas, como poden ser a loxística e a comunicación. Hoxe entrevistamos a David Paz, un dos coordinadores de esta iniciativa, para coñecer como funciona este Espazo Social de Intervención Artística.

Vivir na Coruña - Como xurdiu  a Casa Tomada?

David Paz – Pola  ambición e desexo dun grupo de persoas de responder as súas necesidades persoais de encontrar un ocio creativo, máis achegado ás necesidades que tiñamos como consumidores de ocio. Era unha demanda de cada unha das persoas que conformamos a casa. Por que tiñamos que ir sempre aos mesmos lugares? Se  non  o queres facer, non te queixes  e faino. E puxémonos.

VNC - Precisamente vos marcades  un punto interesante á hora de crear e compartir cultura, non só como ocio ou mero entretemento… 

D.P – O que intentamos facer con este proxecto é non converter o ocio no fin, senón no  medio. A maneira de inculcar calquera  cousa na  vida é  así. Por iso  nós queremos a intervención  social, a  mestura  do artista co  público, o feedback, o xeito de realizar os eventos… Na Casa, moitas veces son os propios artistas os que participan na montaxe. É a dinámica que queriamos crear.

VNC – Que áreas de programación tedes dentro da Casa? D.P – Temos a área de audiovisual, aínda que agora mesmo esta un pouco máis parada e tamén temos obradoiros. Pero neste momento as que mellor están funcionando son música, artes escénicas e infantil. Despois temos outras dúas áreas máis invisibles, a do traballo loxístico, que é a base para que funcionen os espectáculos, e o labor de comunicación, tanto interno coma externo. Restan moito tempo.

David es una de los responsables de la Casa Tomada. Foto: Chano Amado

David Paz é un dos responsables da Casa Tomada. Foto: Chano Amado

VNC – Que pensades de que vos definan como o reduto da cultura alternativa da cidade?

D.P- Hai pouco preguntábanme como levaba o feito de facer contracultura. O certo é que nós  non estamos nesa liña. O  feito de facer algo contra a cultura soa mal, ademais dos  tópicos que conleva, entramos no eterno debate de estar á marxe da sociedade. Nós  facemos cultura, sen ningún tipo de apelativo. Somos consumidores de cultura e queremos facer cousas que nos gusten, que nos parecen sostibles, para todos os públicos. Unha  cultura respectuosa, ambiciosa, interesante e revitalizante. Que a xente  veña a participar nela e estar con ela, vivila. Para nós a cultura alternativa é a outra, ir a un centro comercial a consumir cultura.

VNC – É a Casa Tomada un proxecto de cultura sostible economicamente falado? Cal é o voso orzamento?

D.P – Aínda é complicado dar datos económicos, xa que aínda estamos nunha fase de poñernos a cero. Empezamos o proxecto en números negativos. Por moi exitoso que foi o noso crowfunding, cada un tivo que poñer cartos do seu peto e a asociación tivo que solicitar cartos á Asociación O Peto de Santiago para facer fronte aos diferentes tipos de fianzas. Tivemos que mercar cousas coas que non contas, e iso xerou un saldo negativo. Marcámonos como primeiro obxectivo chegar ao primeiro Nadal a cero, salvando a débeda interna que temos con nós mesmos, para despois ir pagando os prestamos e despois, a partir de aí, comezar a medrar. E nesas previsións estamos. A casa tomada nese sentido da beneficio, é sostible. Se seguimos así esperamos ter cuberto no verán toda a débeda. Se non chegamos será por pouco. E a partir de aí poderemos empezar a facer plans de crecemento.

VNC – Como con recursos tan escasos conseguides ter unha programación tan ampla?

D.P – Primeiro explicándolles aos artistas o que é a Casa Tomada, que as entradas teñen que valer o que teñen que valer. E despois temos demanda. Os propios artistas preguntan para vir, iso axuda a non repetir. Aínda que o próximo ano si que se espera algunha repetición. Basease sobre todo no traballo de búsqueda dos responsables de cada área e a demanda existente. Tamén o aluguer do espazo é unha fonte de ingresos. Sempre prezos económicos é que, ás veces, non repercuten nun beneficio inmediato, pero tamén axuda.

VNC – Ademais das actividades artísticas propiamente ditas, tamén tedes cedido o espazo para a organización de eventos nos que a Casa Tomada se transforma nun foro, como os debates relacionados co municipalismo.

D.P – Si, houbo un par deles que tiveron boa  acollida e seguemento.

VNC – Gusta o debate na Casa Tomada?

D.P – Si, deben ser eventos tipo foro e plurais. Nós tivemos peticións de ceder o espazo para iniciativas de estilo político, dunha entidade ou política determinada. Iniciativas abertas, por suposto, pero que entendíamos que eran para facer campaña. Diante deste tipo de peticións decidimos que non, porque somos apolíticos, dentro do complicado que é este posicionamento. Nós queremos facer cultura, coa sociedade, e isto inclúe a pluralidade. Pero non só falo de política, tamén doutro tipo de iniciativas. Nun momento dado propuxéronnos realizar un encontro de veganismo e tampouco  aceptamos, porque non abría posibilidades a outras  opcións. Ten que existir diversidade  de opinión  e que a xente poida participar dende a pluralidade. Senón, ao  final, caes no cliché, o de cultura alternativa que promove uns tópicos. E por iso que, dende os inicios da Casa Tomada quixemos  que todos os proxectos que se fixesen aquí favorecesen a diversidade e non a uniformidade.

Emplazamiento de la Casa Tomada dentro de la propia estación de trenes de a Coruña. Foto: Chano Amado.

Emprazamento da Casa Tomada, dentro da propia estación de ferrocarril da Coruña. Foto: Chano Amado.

VNC- É dicir, promover a diversidade e pluralidade  para favorecer unha opinión crítica e crear cultura de base. 

Para nós unha cousa leva á outra. Pretender construír unha opinión crítica sen  ofrecer todas as oportunidades para opinar, non ten sentido. Por iso, dende  a lóxica  interna de oito  persoas, rexeitamos as propostas que non dan pé á pluralidade. E grazas á diversidade que temos aquí, imos construíndo a Casa.

VNC – Crees que hai interese na cidade pola cultura?

D.P – Si, como un coruñés máis vexo ao meu arredor que si que hai interese. O que criamos é que ese interese era máis diverso do que deixa entrever calquera medio ou a administración. E penso que é así. Aínda que hai que acostumarse a certas novidades. Non creo que esteamos rompendo con ningún tipo de expectativa ou innovando. Pero si que hai que asumir que algunhas cousas poden ir algo máis lentas. A xente esta moi afeita a ir onde hai programación potente, o Fórum, o Ágora… Entón hai que traelos, que a xente nos vaia coñecendo. Practicamente todos os días ou todas as semanas nos coñece xente nova.

VNC- Falta en Coruña esta rede cultural? Traballo conxunto?

D.P – Penso que o vai habendo, pero creo que precisa tempo, igual que che dicía que había que darlle tempo a xente para que se acostume a este tipo de ocio. Creo que hai que ter paciencia porque hai vontade na cidade de facer máis cosas.

A Casa Tomada albergará durante este último fin de semana de agosto unha ampla programación dirixida a todos os públicos.

 

Pin It

Un comentario sobre “David Paz: “Nós facemos cultura, sen ningún tipo de apelativo”.

  1. Non se vos propuxo un encontro de veganismo, se non xustamente o contrario, unha charla informativa dirixida a todo o mundo, en especial a os non veganos. E era unha charla con espazo para o debate, onde tamén os que imparíamos a charla estabamos abertos a propostas da Casa Tomada. Dar información non é posicionarse, non permitir dar información chámase censura. Aínda estamos esperando unha razón por parte da Casa Tomada sobre o motivo da súa non aceptación da charla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>