A Coruña en verso: A cidade e máis eu ( Eva Veiga)

A Coruña en verso é a sección de Vivir na Coruña na que se recollen poemas realizados por poetas coruñeses ou adicados á cidade. Hoxe, A cidade e máis eu, de Eva Veiga.

 

A Coruña é cidade de poetas. Son moitos os que nela naceron e moitos máis os que nela viviron. Uns e outros axudaron a que esta sexa a cidade que é. Foron moitos, tamén, os que tentaron explicala nos seus versos. Esta sección irá ofrecendo aos lectores, ao longo das semanas, unha mostra do traballo de cada un que teñan á cidade como referencia.

Eva Veiga

A poeta Eva Veiga autora de A distancia do tambor. Foto: Daniel Fernández.

A poeta Eva Veiga autora de A distancia do tambor. Foto: Daniel Fernández.

Eva Veiga naceu en Ombre, parroquia de Pontedeume, á beira do río e da fraga do Eume, referencia xeográfica e emocional que será unha constante na súa obra. Vive na Coruña, dende hai anos, cidade que ama, espazo vital que, necesariamente, ás veces, asoma nos seus versos. Abrimos con ela esta sección porque estes días está de festa, presentando o seu último libro: A distancia do tambor, co que gañou a XIII edición do premio Fiz Vergara Vilariño. Este poema foi publicado no libro A Coruña Á luz das letras, publicado no ano 2008 pola editorial Trifolium, que recollía textos en prosa e verso de 72 escritores, sobre A Coruña, patrocinado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega  (AELG) e polo Concello da Coruña.

                                                                                                         

 A CORUÑA

Leóns, pumas, leopardos

en loita encarnizada;

así as augas até o derradeiro

salto mortal que as rompe

en efémeras rosas brancas.

A CIDADE E MÁIS EU

Paseantes Paraguas- Chano Amado

Foto: Chano Amado

A cada paso es unha e outra. Pero é dun antigo lume, aquel que sacrificou o bosque a prol das naos, de onde vén o alento que empuxa ao combate o teu afouto corazón, íntima cerna que bate baixo a pel que se estira en múltiples operacións de cirurxía e antiséptica.

A cada paso es unha e outra. Pero tamén es a mesma rancia humidade que se arrastra polas rúas e adoito serpea entre a feluxe das terrazas, alí onde as cabezas intrigantes negocian os rubís estupefactos e odian o perfume dócil da herba.

Mentres, en buracos de pútridos ouriños bebe o sol máis limpo da cidade.

A cada paso es unha e outra. E entre os teus pregues aniñan un sen fin de outras cidades exóticas e as que lavan debaixo das unllas a proba da digna estirpe que muxiu o leite e botou as redes encol da noite.

A cada paso es unha e outra. E eu son túa -pois amóte- na luz primeira, esa que te ergue de mañá como bolboreta inaprensible; e voume soñándote bandeira tricolor nos cables eléctricos e non regreso até o crepúsculo cando o faro se reparte nos ollos dos gatos, testemuños indolentes e sagaces do enigma.

A cada paso es unha e outra. Flor de sal na boca lévote prendida nas marxes túas que encaixan perfectamente co meu perfil de aldea.

Autora: Eva Veiga

Libro: A Coruña: Á luz das letras (Ed. Trifolium, 2007)

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>