The Lákazans abarrotan o Puticlú da Coruña

Escoitar ao vivo unha manchea de temas de colleita propia (Homegrown) e algún que outro revisado e pasado polo funil da banda foi o chamado que facían The Lákazans para que o público coruñés escoitara o seu directo no Puticlú. O resultado foi que o local de Monte Alto petouse de xentiña disposta a gozar como é debido, con moita e boa música made in Galicia por máis raíz yankee que teñan os sons destes rapaces de Boiro.

 

The Lakazáns - Sabela King / SABELA MOSCOSO

The Lákazans – Sabela King

Dende o comezo a banda fixo gala da súa naturalidade e complicidade. Sabela King permitiuse xogar man con man con Benja e fixo vibrar a barra de trémolo da súa guitarra para arrastrar, a golpe de panca, as notas das seis cordas de xeito similar a como a ela lle presta tamén facer coa gorxa.

Ao pouco Benja mudou a eléctrica pola acústica que empastou unha vez máis de vicio coa harmónica de Figui para dar forma á banda sonora orixinal coa que a voz de Sabela King narra á historia de Wesley Hardin (Four sixes to beat). Toda unha viaxe cara a un far west repleto de voces rachadas e historias que non teñen que rematar ben, por que na vida real non hai tanto happy end como quixeramos e os Lákazans son xente de lei que non conta milongas. Así que se a historia remata con disparo na cabeza por mor dunha mala xogada, cóntancho así e punto. Non atoparás nas súas letras un vaqueiro cabalgando cara ao solpor.

 

The Lakazáns, Benja

The Lakazáns, Benja

 

Unha boa versión non é unha copia, é unha volta de folla

Almudena marcouse un delicioso Dancing in the street, que non envexa nada ao de Martha and The Vandellas. Cando The Lakazáns decide versionar un tema o resultado é unha nova opción musical chea de matices, respectuosa coa orixinal, pero que a banda de Boiro sabe facer súa e darlle unha faciana propia. Unha boa versión non é unha copia, é unha volta de folla do tema inicial con engadidos que o fan diferente, aínda que igual na esencia.

The Lakazáns, Almudena

The Lákazans, Almudena

Unha versión ben feita, como as que fai este jrupaso, ten algo de novo con pousos do vello. Pásalle tamén ao Wicked Game que fixera coñecido Chris Isaak, e que tamén sooou no Puticlú, e que os Likal, Trilli, Velo e compañía fan seu como poucos.

The Lakazáns, Sabela

The Lákazans, Sabela

O repertorio destes lacazáns ten un pouco de soul, un algo de country, un bastante de blues e un moito de rock & roll que é a fusión de todos eles. E así foi como avanzou a noite dende o murmurio dun blues ao ritmo frenético do soul ao que a pandeireta de King puña o compás con permiso do Jran Fran, mestre das catro cordas.

The Lakazáns, Figui

The Lákazans, Figui

Chegado o momento, abriuse o arsenal de harmónicas de Figui e pousou estratexicamente ao carón dos vasos de vidro. As copas agachaban néctares dos deuses que, ao cabo, dan potencia e aumentan os sentimentos na alma dos artistas. Algunhas teñen forma de auga mineral, outras de gin tonic ou con sabor a licor café. Cada quen dáse folgos cos líquidos que lle abren o peito, e niso, ninguén manda máis que os beizos dun.

The Lakazáns

The Lákazans, Figui e Likal

Seguiron a soar notas e unha balada saída da gorxa doce de Almudena acariñou ao público mentres Fran Velo beliscaba as catro cordas coma sempre, a pelo. Quen precisa dunha púa podendo rozar as cordas pel con pel?

The Lakazáns, Fran Velo

The Lákazans, Fran Velo

Caeu un tema, e outro e outro, até que nun instante máxico arrincou o Mystery Train botando fume dende a estación Puticlú e sen destino determinado por máis nada que as vías dos coros do público. Andou cara ao infinito impulsado polo fol da harmónica de Figui, guiado pola gorxa de Almudena e o son da táboa de lavar de Fran Trilli. E de camiño subiu a un dos vagóns un can de caza que seica pedía clemencia (Hound Dog-Mercy).

The Lakazáns, Sabela e Trilli

The Lakazáns, Sabela e Trilli

Houbo aínda tempo para que nun par de temas máis Almudena soltase a melena a nivel vogal, pero tamén desfacendo a trenza que lle recollía o pelo durante o concerto.

The Lakazáns, Almudena e Figui

The Lákazans, Almudena e Figui

O son da lúa azul de Kentucky (Blue Moon of Kentucky) reservouse para os bises e aderezouse coa percusión a golpe de culler de Trilli.

The Lakazáns

The Lákazans

Viviuse o venres na Coruña unha noite desas máxicas nas que os son negros e os brancos van da man e country e o blues acaríñanse, sen medo ao que dirán, sen pensar nas miradas de envexa que poidan mandan ao lixo o feitizo que os engaiola, a sedución polo prohibido que os fai un e os leva a parir un rock and roll.

The Lakazáns, Sabela King

The Lakazáns, Sabela King

En fin amigo… se algunha vez no futuro unha panda de lacazáns diche de quedar nun tal Puticlú, ti dilles que si. Abofé que ha ser unha decisión tan incorrecta como o rock e tan atinada como sexas quen de lembrar (eu non son quen de esquecela). 

The Lakazáns no Puticlub

The Lákazans no Puticlú

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>