“O tren que me leva”, homenaxe a Andrés do Barro

15Maio

Charla homenaxe a Andrés do Barro19:00 Maestranza. Campus de A Coruña. Universidade da Coruña.Reitorado Universidade da CoruñaTipo de evento:Charlas


O servicio de normalización lingüística da Universidade da Coruña recorda a figura o cantante ferrolán, hito na música galega.

O tren que me leva é un documental agridoce, con anacos de ficción que axudan a comprender a realidade. Anxo Fernández envorcou experiencia e inventiva no guión e na produción. Un conxunto de persoas que trataron con Andrés do Barro axudan a situar o fenómeno daquela estrela fugaz: Do Barro foi coma un corpo celeste que iluminou os ceos musicais con grande brillo para logo se apagar deixando un baleiro nas memorias de millóns de afeccionados da música pop española e devotos do galeguismo.andres-dobarro-o-tren

Nunca ninguén que non cantase en castelán conseguiría catro números 1 nas listas dos máis vendidos de España. Nunca ninguén fixo repetir a tanta xente allea a Galicia frases e palabras soltas coma teño saudade, corpiño xeitoso, rapaciña… Houbo quen dixo que Andrés do Barro foi o mellor baladista español de todos os tempos, que a calidez das súas cancións enchía os espíritos e obrigaba a rendérselle. Tamén se lle chamou o novo trobador galego, que se vía aceptado en toda a Península como xa foran os grandes da Idade Media. Para os castelán-falantes, mesmo os máis españolistas, o galego soa a lingua poética por natureza. Madrid foi a grande caixa de resonancia do ferrolán. A súa sona levaría a partillar proxectos co Roberto Carlos, rei da canción do Brasil, e co Julio Iglesias.

En que se baseou o éxito do Andrés? Foi, precisamente, na mítica “dozura” do idioma que usou para cantar?

Por que parou o tren que aquela mente artística movía? Que lle desviou o camiño? Que o levou ata estacións alleas e lonxincuas nas que, finalmente, se detivo?

En O tren que me leva Anxo Fernández fai resumo dunha vida, unha época e un mundo que non perden actualidade. A Sociedade Xeral de Autores pode dar testemuño de que a obra de Andrés do Barro é un long-seller, algo que non pasa de moda desde 1968.

Pin It

Os comentarios están pechados.