O folclore galego quere ser Patrimonio Inmaterial da Humanidade

O Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina actuará este sábado no Teatro Colón co obxectivo de facer visible a candidatura do folclore galego como Ben de Interese Cultural e Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

Henrique Peón, director de Xacarandaina, xunto a Fátima Freire e Ana Fernández, durante a presentación da Gala Patrimonio Inmaterial Xacarandaina.

Henrique Peón, director de Xacarandaina, xunto a Fátima Freire e Ana Fernández, durante a presentación da Gala Patrimonio Inmaterial Xacarandaina.

Adoitase dicir que hai un galego (ou galega) na lúa, e canda el, seguro, saudade aparte, estará un pouco da cultura e do folclore do país. “O folclore galego é un dos máis expandidos no mundo, só en Galicia hai máis de 20.000 persoas afiliadas a asociacións folclóricas, o que dá a entender o vivo e estendido que está”, comentaba esta mañá Henrique Peón, director do grupo Xacarandaina, quen presentaba a Gala do Patrimonio Inmaterial, que terá lugar o vindeiro sábado no Teatro Colón.

Xacarandaina leva dende 1979 investigando, promovendo e difundindo o folclore galego a través do baile tradicional. A día de hoxe, xunto con outras asociacións de Galicia, teñen formado unha comisión de traballo para propoñer á UNESCO o “baile e a música de Galicia” como Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Trámites de longa burocracia que primeiramente terán que pasar polo Ministerio de Cultura, para a declaración previa deste acervo como Ben de Interese Cultural (BIC), pero que Henrique Peón espera acadar xa que “temos un dos patrimonios inmateriais máis importantes de Europa”.

Gala Patrimonio Inmaterial XacarandainaE precisamente, para facer visible esta petición ao ministerio, prográmase o espectáculo de danza e música que terá lugar este sábado. Nesta gala mesturaranse os bailes, músicas e vestiarios do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, con participación de xente da comunidade que viviu o noso folclore e foi quen de gardalo e preservalo, sendo eles os verdadeiros transmisores e baluartes da riqueza e autenticidade da nosas artes inmateriais. Este acompañamento estará composto polas pandereiteiras de Arcos (Mazaricos) e o gaiteiro Flor da Maquía, quen con 84 anos superou a súa incapacidade para soprar o instrumento a través dun aparello da súa propia invención.

Ademais das súas habituais actuacións na rúa, dende Xacarandaina avisan de que axiña regresarán aos escenarios cun espectáculo, O poder do arcabuz, que tratará a historia dos Irmandiños. Polo de pronto, o camiño para dar a coñecer a candidatura do noso baile como Patrimonio Inmaterial da Humanidade comeza o sábado ás 20.30 h.

Pin It

Un comentario sobre “O folclore galego quere ser Patrimonio Inmaterial da Humanidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>