O nome da cidade da Coruña podería estar ligado á forma circular da baía

  • ‘En gaélico irlandés e tamén en gaélico escocés ‘cruinn’ significa redondo e ‘cruinne’ quere dicir redondez.

 

  • Outra teoría proposta polo Proxecto Gaelaico é que o nome orixinal de A Coruña puido ser Oileán (an) Dá Chruinne que, en gaélico irlandés, describe a súa topografía: Illa dos dous outeiros redondos.

 

A baía da Coruña ten forma circular e na opinión dos analistas do Proxecto Gaelaico a orixe do topónimo da cidade podería ter nesa condición a súa razón de ser.

En gaélico escocés ‘cruinn’ coa pronuncia /krɯiNʲ/ significa redondo, circular ou esférico, mentres que ‘cruinne’ que soa /krɯNʲə/ ten o significado de redondez ou circularidade. En gaélico irlandés ‘cruinn’ tamén significa redondo e ‘cruinne’ quere dicir redondez.

O topónimo A Coruña rexistrouse de diferentes formas ó longo dos anos. As formas máis temperás son Cruña, Cruna, Crugna e Grunia. A Coruña ou A Cruña foi mencionada como ‘Cruinne’ en gaélico irlandés por Geoffrey Keating na súa obra ‘Foras Feasa ar Éireann’, tamén coñecida como ‘A Historia de Irlanda’. Este sería o lugar de partida de Ith, un dos fillos de Breogán, cara a Irlanda, para despois conquistala.

 

Torre de Hércules na Coruña / Sabela Moscoso

Torre de Hércules na Coruña / Sabela Moscoso

Existe un debuxo da baía de A Coruña, realizado por Pedro Teixeira na que a representación cartográfica deixa clara a redondez da baía herculina que ten a forma de case tres cuartos dun círculo, ademais da redondez da baía máis pequena do outro lado, a cal Teixeira chamou “mar de Orzán”. Na opinión dos historiadores e lingüistas do Proxecto Gaelaico, esa podería ser unha das razóns para o nome da cidade, tendo en conta que ‘cruinne’ significa redondez en gaélico.

Considerando a forma circular das baías a ámbolos dous lados da Coruña, tal e como foron debuxadas por Pedro Teixeira no século XVII, dende o Proxecto Gaelaico considérase que as seguintes adaptacións poderían ser correctas:

  • Do gaélico ‘cruinne’ xurdirían as opcións galegas Cruna e Cruña.
  • Do gaélico ‘A’ Chruinne’ se chegaría ao topónimo galego A Cruña.
  • E finalmente do gaélico irlandés ‘ris an/san gCruinne’ se obtería o galego Grunia.

 

O artigo

Situando o artigo definido gaélico “an” antes da palabra ‘cruinne’, do mesmo xeito que se sitúa o artigo galego “a” en “A Coruña”, obtemos ‘an chruinne’, co significado “a redondez”. A lenición da palabra ‘cruinne’ despois do artigo definido an dáse porque é un substantivo feminino. O dígrafo ‘ch’ indica o son /x/, similar ó son da gheada galega. Ó conversar, os falantes de gaélico (tanto de gaélico irlandés como de gaélico escocés), adoitan reducir a forma singular do artigo definido gaélico ‘an’ a  a’, e isto dános a forma a’ chruinne, “a redondez”.

É moi probable que Coruña, a versión máis moderna do topónimo, sexa a mesma palabra que Cruña, coa adición dunha vogal epentética que, co tempo, se representou na escritura como un ‘o’.

 

Torre de Hércules na Coruña / Sabela Moscoso

Torre de Hércules na Coruña / Sabela Moscoso

 

Oileán Dá Chruinne: “Illa das dúas colinas redondas”

No mapa debuxado por Pedro Teixeira no século XVII, parece que A Cruña puido ser unha illa mareal (accesible en marea baixa). Non hai proba diso, aínda que se sospeita desde hai moito tempo. Asumindo que puido ser unha illa mareal, como sospeitan desde hai tempo moitos autores, tamén puido coñecerse en galego como Illa da Cruña.

En Irlanda, en County Galway, non moi lonxe da costa de Conamara, hai unha illa coñecida como Oileán (an) Dá Chruinne en gaélico irlandés, co significado de illa dos dous outeiros redondos, anglicanizado como Illaundacrinnia. Podería tratarse dunha simple coincidencia, pero o certo é que o topónimo irlandés Oileán (an) Dá Chruinne (Illaundacrinnia) soa moi parecido ó topónimo galego.

Se no debuxo do mapa de Teixeira borramos o istmo coa imaxinación temos unha illa con dos dous outeiros redondos: Oileán (an) dá Chruinne (Illaundacrinnia), Illa da Cruña. De tal xeito que o nome orixinal de A Coruña puido ser, non ‘An Chruinne’, senón ‘Oileán (an) Dá Chruinne’ que, en gaélico irlandés, describe a súa topografía perfectamente: Illa dos dous outeiros redondos.

 

Coruña ou curuña é tamén un óso ou pebida de froita

Explorando o léxico galego atópanse as palabras coruña e curuña ambas co significado de óso de froita ou pebida. Os significados dos substantivos portugueses ‘corunha’ e ‘crunha’ son os mesmos que o do substantivo galego coruña: carozo de certas froitas.

As pebidas, ósos ou sementes, adoitan a ser xeralmente esféricas, algo que de novo ligaría coa idea da redondez da baía da Coruña.

Tanto se A Cruña foi unha illa mareal no pasado como se non o foi, no Proxecto Gaelaico afirman que hai razóns suficientes “para tomarnos moi en serio o que Geoffrey Keating deu por sentado ó referirse como An Chruinne ó lugar que hoxe coñecemos como A Coruña ou A Cruña”.

A análise detallada do topónimo A Coruña pódese ler no sitio web do proxecto lingüístico e histórico Gaelaico, dentro da entrada dedicada a esta cuestión que leva por título: ‘A Cruña’.

O Proxecto Gaelaico defende que onde se falou unha lingua, existiu unha cultura. É un proxecto de investigación baseado na relación entre as linguas e as culturas dos pobos da Europa Atlántica que naceu como unha iniciativa privada e independente. Unicamente pretende aportar datos que sexan válidos e valiosos para disciplinas tales como a lingüística ou a historia. As súas publicacións son periódicas e constantes e pódense atopar no sitio web www.progael.com.

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>