Manuel Torneiro: “Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas”

6Xuño

Presentación libro: Manuel Torneiro20:00 Rúa Sinagoga 22 cp: 15001, A CoruñaPortas ArtabrasTipo de evento:Letras

9Xuño

Poetas Di(n)versos20:30 Rúa Ágora s/n 15010 A CoruñaCentro Cultural ÁgoraEvento organizado por: Centro Cultural Ágora Tipo de evento:Letras

O poeta Manuel Álvarez Torneiro, gañador do Premio Nacional de Poesía 2013, presenta novo libro. O vindeiro luns estará no ciclo Poetas Di(n)versos.

Quedamos con Manuel Torneiro nunha cafetería diante da fonte que, ao día seguinte, resplandecería de ledicia branquiazul. Pero hoxe é día gris, moi dos nosos, deses nos que o orballo cala sen nos dar de conta. Pido un té verde, vexo a Manuel entrar pola porta, paraugas na man e gorro de augas. Senta. “Un leite ben quente, parece que non imos secar nunca. A ver… que me queres?”.

Manuel Álvarez Torneiro. Foto: D.F

Manuel Álvarez Torneiro. Foto: D.F

 

Manuel Torneiro presentará o venres 6 de xuño, no local Portas Ártabras da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, o seu novo libro Onde nunca é mañá (Factoría K, 2014). El é, ata hoxe, o único galego Premio Nacional de Poesía, concedido o ano pasado polo libro Os ángulos da brasa (Factoria K, 2013).  Aínda que non lle gustaron cousas que este recoñecemento trouxo canda si. Poeta da vida e do cotián, namorado da música, foi periodista 25 anos no diario La Voz de Galicia. O seu rostro é un mapa de experiencias vividas, mentres que a súa ollada é limpa e clara. Como o seu discurso.

Vivir na CoruñaTardaches moito en publicar -pasados os 50 anos- pero en pouco tempo fuches quen de artellar unha obra moi ampla, con moitos títulos e moi persoal…

Manuel Torneiro – Si que tardei, tanto que eu pensei que xa non publicaba, que quedaría todo no silencio absoluto. Pero unha cousa é escribir e outra publicar. Se non publicas parece que non traballas, escribes e metes no caixón. Cando eu comecei a publicar abrín o caixón, miraba o que valía e o que non. Non todo o que fas é bo, eu teño moito poema feito que non me atrevería a publicar. Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas. A min interesábame publicar por non desperdiciar o traballo que tiña feito, tiña ganas de dicir algo. Presenteime a premios de poesía como o Esquío ou os Premios de Poesía Miguel González Garcés -gañou ambos en dúas ocasións- máis que pola recompensa en metálico, porque a obra do gañador sería publicada. E así foron saíndo os libros. Non chamei ás portas de ningunha editorial.

VNC- Falando de premios, o ano pasado fuches merecedor do Premio Nacional de Poesía por Os ángulos da brasa. Cal é a túa sensación a día de hoxe?

M. T.  - Co Premio Nacional de Poesía eleváronme a un lugar no que non sei se estou, paréceme excesivo. Tamén, e asociado ao premio, montouse un rebumbio no que ás veces non tiña tempo nin para xantar. Eu non sabía onde esconderme. Chamaban radios, periódicos, amigos… e tamén inimigos. Eu escribo porque preciso escribir. Poste a pensar i é todo tan cativo, tan efémero que queres facer algunha achega. E así van saíndo libros… e parece que non tan malos, polo que vexo. Pero teño que recoñecer que Os ángulos da brasa deixoume esgotado. Neste momento non teño a necesidade de meterme na expresión como tiña antes.

VNC- Hai quen considera, dito con respecto, que ti es autor dun mesmo libro que se vai alimentando con cada título…

M. T. – Si, eu digo que escribo un mesmo libro, pero con varios títulos. De poesía non entendo un carajo, pero hai que falar porque es o autor do que hai dentro do teu libro.

VNC- Que pode esperar o lector de Onde nunca é maña?

Pois a continuación de Os ángulos da brasa, a miña obra é un libro continuo. O que pasa é que hai poemas que quedan, para min, incompletos e volvo a eles. Octavio Paz dicía que ‘estamos sempre escribindo un poema que é o proxecto dese outro poema que queremos escribir e que nunca escribimos’.

VNC- Música e poesía adoitan ter unha relación moi íntima na túa obra, e esta non é menos…

M. T. – Para min a música é todo. A arte das artes. Pero é curioso que nunca escribo escoitando música, téñoa gravada dentro de min. Neste sentido son moi selectivo, amigo do clásico, Schubert que é un constante na miña obra, Mozart, Beethoven…

VNC- Os teus versos son claros, abertos, pero ao tempo profundos. Cales foron as túas referencias?

M. T. – Mira, hai xente que ten a menos as influencias que ten. Paréceme unha falta de humildade tremenda. O que hai que ter é influencias boas, non malas. Eu bebín moito de Pablo Neruda, é meu mestre, el foi quen me destetou e mostrou o que era a poesía. Tamén de César Vallejo aprendín moitísimo. Non podemos esquecer tampouco os clásicos, non se pode saltar o baleiro sen máis, deles aprendín a expresión, a medida do verso, a profundidade, a transcendencia que pode ter un poema… A xeración poética do 27 foi magnífica. Todos estes autores chegábanme porque falaban do meu tempo, do meu entorno e da realidade que eu vivía.

VNC- Falas de poesía social e da capacidade de conectar coa xente. Ti fuches cofundador do Grupo Poético Amanecer. Cal crees que é o valor da poesía nos tempos de hoxe?

M. T. – É certo que nos anos 50 houbo unha grande eclosi��n da poesía social: Gabriel Celaya, Blas de Otero, Montesinos… pero iso rematou. Eu ás veces capto certo regreso á crítica dende a comunicación poética, pero non ten aquela atracción que tiña a poesía da posguerra. Parece que agora existe medo de criticar o sistema.

Manuel Álvarez Torneiro. Foto: D.F

Manuel Álvarez Torneiro. Foto: D.F

Hoxe en día a xente ten problemas moi íntimos e dilúense os problemas da comunidade que, ás veces, unifican a unha xeración. Non vexo que exista esa preocupación común no ámbito da poesía. Por outro lado a gran salvación da poesía foi o íntimo, analizarse a un mesmo, facernos preguntas. Hai unha serie de cuestións que che gustaría aclarar, non para sentirte mellor, ás veces para desacougarte a ti mesmo, pero que teñen unha forza tremenda, que te valoran e te categorizan dunha maneira extraordinaria.

VNC- Como animarías a alguén profano á poesía a se achegar a ela?

M. T. – A poesía é un misterio, unha cosmovisión, e tes que ter unha mínima sensibilidade para facerte con ela xa que o poema é un asunto de dous, o que escribe e quen lee. O lector é o encargado de completar un poema. Por moi bo que este sexa, se o lector non o sente e asimila, eses versos son un fracaso. Polo que ás veces é preciso falarlle o lector en roman paladin, de maneira claraHai xente que sen recoñecerse poeta di cousas que son auténtica poesía. O destinatario da poesía é aquela persoa que, sen sabelo, tamén é un pouco poeta.

Manuel Torneiro estará presente nos próximos días en dous actos abertos ao público. O primeiro o venres 6 de xuño, presentando Onde nunca é mañá, nas Portas Ártabras. O luns 9 de xuño, pechará o ciclo deste ano de Poetas Di(n)versos que se celebra no Centro Cultural Ágora. Este día medirá os seus versos cos de Adonis, o poeta sirio, candidato ao Premio Nobel, da man de Yolanda Castaño, coordinadora do ciclo.

 

Pin It

Un comentario sobre “Manuel Torneiro: “Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas”

  1. Pingback: Manuel Álvarez Torneiro: «Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas» | ::Axenda cultural AELG::

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>