Juan José Millás pecha o Ciclo de Libros en Directo

O escritor e periodista Juan José Millás visita a Coruña e pecha o Ciclo Libros en Directo, organizado polo Ágora.

Juan José Millás a Coruña

O escritor e periodista Juan José Millás visita A Coruña no Ciclo Libro en Directo. Foto: Wikipedia

Mañá, martes 17 de xuño, no Ágora, temos unha nova cita de altura coa palabra no Ciclo Libros en Directo. O escritor e periodista Juan José Millás pechará o curso antes da chegada do verán. Broche de ouro cun Premio Nacional de Narrativa a este ciclo polo que teñen pasado algunhas das voces principais do panorama editorial español, como: Luis Goytisolo, Agustín Fernández Mayo, Eduardo Punset, Eloy Tizón ou Javier Sierra.

Millás chega á Coruña co seu último libro La mujer loca (Seix Barral 2014) baixo o brazo. “Unha crónica irónica da actualidade na que a protagonista é unha muller moi real, coas súas paranoias, ao igual que todos. Unha historia que mantén en vilo e engancha ao lector dende a primeira páxina ata o final”, afirma Pedro Ramos, director de Polisemias e coordinador do Ciclo e quen, coma sempre, será o encargado de presentar o acto e moderar a conversa co autor.

Pero o que o espectador atopará no Ágora, non será só unha aproximación distendida e amena, ao tempo que profunda, a La mujer loca. Haberá máis. A escrita de Millás caracterízase polo seu compromiso social e por expoñer de forma clara e directa as súas ideas, algo que plasma tanto nas súas novelas como nas súas colaboracións na prensa, creando fortes lazos e afinidades co lector. De seguro que nesta cita non faltará tampouco unha análise da realidade social e política que vivimos.

A cita, mañá martes ás 20.30h no Ágora, pechando Libros en Directo, que descansará durante a tempada estival.

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>