Isaac Xubín e Yolanda Castaño celebran o 2º aniversario da libraría Suévia

A libraría Suévia celebra mañá o seu 2º aniversario coa presentación, ás 20h, de Eno Mar cabe quant’i quer caber, con Isaac Xubín e Yolanda Castaño.

livraria suévia

A libraría Suevia (rúa Vila de Negreira, 32) acollerá mañá mércores, 17 de decembro, a partir das 20.00 horas a presentación do libro de poesía internacional contemporánea en tradución ao galego Eno mar cabe quant’i quer caber, froito do II Obradoiro de Tradución Poética Con barqueira e remador, dirixido por Yolanda Castaño, e que tivo lugar na Illa de San Simón en outubro de 2013.

eno mar - livraría suéviaBaixo o título de “Eno mar cabe quant’i quer caber” (que alude a un verso do trobador pontevedrés Paio Gómez Chariño) compílanse os poemas do turco Gökçenur Ç, da estoniana Kätlin Kaldmaa, do asturiano Xuan Bello, da alxeriana francófona Samira Negrouche, do estadounidense Lawrence Schimel, da húngara Anna T. Szabó e do galego Isaac Xubín, quen foi o responsábel das traducións, edición e limiar da obra da Colección CÍES da Deputación de Pontevedra. Xubín presentará o traballo acompañado por Yolanda Castaño nunha conversa arredor do libro e lectura dalgúns poemas.

O Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador é unha iniciativa pioneira en Galicia, mais concibida a imaxe das que teñen lugar noutras partes do mundo. Impulsado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e mais o Concello de Redondela a carón doutras entidades colaboradoras, e coordinado pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, é un proxecto baseado no intercambio entre distintos sistemas lingüísticos e literarios, que ten lugar dende hai tres anos na emblemática illa de San Simón.

Poetas do II Obradoiro Internacional de Tradución Poética en San Simón.

Poetas do II Obradoiro Internacional de Tradución Poética en San Simón.

Ao longo dunha intensa semana de outubro, alí se reúnen sete autores que cumpren o esixente perfil de constituíren figuras representativas da poesía dos seus respectivos países e á vez posuíren experiencia como tradutores literarios. Contando co inglés como lingua vehicular, desenvólvese un obradoiro colectivo, presencial e recíproco de tradución poética entre todos eles e elas, de xeito que cada participante traduce á súa lingua ao resto dos compañeiros/as. A proposta enriquécese cun programa de actos paralelos capaz de amosar –en Pontevedra, Vigo e Redondela- tanto a obra dos poetas coma o labor tradutor despregado na illa.

 

Novas presentacións no segundo aniversario de Suévia

A celebración continuará o xoves día 18,  ás 20h00, co lanzamento de O pequeno é grande. Agricultura familiar como alternativa: o caso galego, de Emilio Carral Vilariño e Xoán Carlos Carreira Pérez. Os autores estarán acompañados do profesor da USC, Lourenzo Fernández Prieto.

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>