Gran despedida do ciclo POETAS DI(N)VERSOS

Adonis e Torneiro pecharon a quinta edición de Poetas Di(n)versos que volverá tras o descanso estival.

Foto: Daniel Fernández

O poeta Sirio Adonis. Foto: Daniel Fernández

Este pasado luns, sobre as táboas do escenario do Ágora coruñés, asistimos a un auténtico acontecemento literario dificilmente repetible. O ciclo de poesía POETAS DI(N)VERSOS xuntou, diante do mesmo atril, a sutil poesía do cotián de Manuel Torneiro e a forza da palabra do poeta sirio Adonis. Un, o único galego que ata a data lle foi concedido o Premio Nacional de Poesía. O outro, considerado unha das voces máis importantes da literatura mundial, repetidas veces incluido nas quinielas de candidatos ao Premio Nobel.

Se a semana pasada tivemos a oportunidade de falar con Torneiro a propósito da presentación do seu último libro, Onde nunca é mañá, esta vez puidemos conversar con Ali Ahmad Saíd Esber.  Nacido en Al-Qassabin- Siria, en 1930, o poeta é máis coñecido polo pseudónimo de Adonis.

Procedente dunha familia humilde e dun pai quen lle inculcou o amor polos contos, as historias de tradición oral e a poesía, o maior desexo do pequeno Adonis era ir a escola, cousa que conseguiu a idade de 12 anos tras deixar abraiado co seu xeito de recitar ao presidente da república, na visita que este fixo a un pobo veciño ao seu. Preguntado por cal sería o seu desexo, Ali Ahmad contestou que ir á escola. Desexo que lle foi concedido.

Gran coñecedor da historia da lírica árabe e considerado un dos seus grandes renovadores a partir da obra Os cantos de Myhar (1961), Adonis tamén é home de mundo e exemplo de converxencia e convivencia de culturas. Esta ampla visión da vida e da historia está patente tanto no seu discurso como na súa poesía. Debido a súa pertenza ao Partido Nacionalista Sirio, pasou medio ano na cadea a mediados dos anos 50. Tan pronto foi liberado marchou para o Líbano. En Beirut viviu ata 1975, ano no que estoura a guerra civil. Fuxindo dela chega a París, onde aínda reside, alternando a vida na capital francesa con cursos e estancias en universidades árabes, europeas e norteamericanas.

VNC- O teu país está en guerra, en Francia votase a ultradereita, España vive unha fonda crise económica e moral. Cal cres que é o papel do poeta en contextos como estes?

Adonis2

Adonis recitando en Poetas Di(n)versos 2014. Foto: Daniel Fernández

Adonis- Eu estou en contra dunha poesía comprometida cunha ideoloxía concreta. Un poeta é por un lado artista e por outro cidadán. Como cidadán sempre terás que posicionarte, pero como poeta non quero poñer o meu arte ao servizo de ningunha ideoloxía. A poesía reflicte o que se ve, o que se sinte, pero nunca pode ser usada como un medio para servir a unha causa. A ideoloxía estrágao todo.

VNC- Naciches en Siria, viviches no Líbano e actualmente en Francia. Es exemplo de diálogo entre culturas. Cal é a túa visión da relación actual entre os países de Oriente e Occidente?

Adonis- Europa ten unha débeda de moitos séculos, tanto con Oriente Medio como co norte de África e, dalgún xeito debe emendar ese erro, xa que simplemente procura a consecución de riquezas e despois pecha as súas portas a xente destes países. É un comportamento un tanto hipócrita, fálase de dereitos humanos e liberdade, e isto queda na nada.

Torneiro e Adonis compartiron serán e escena e, aínda que en idiomas diferentes, a musicalidade dos seus poemas fixeron gozar ao público por igual, quedando con ganas de máis. Ao remate do recital asinaron libros, esgotándose as exemplares que puxo á venda a libraría desprazada ao evento. O ciclo POETAS DI(N)VERSOS regresará o vindeiro mes de setembro, de seguro que con novas sorpresas.

 

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>