Eva Veiga: “A palabra permite conceptualizar a emoción”

4Xullo

Presentación libro: A distancia do tambor - Eva Veiga20:00 Rúa Sinagoga 22, 15001, A CoruñaPortas ArtabrasTipo de evento:Letras

A poeta Eva Veiga presentará este venres, no local Portas Ártabras da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, o seu novo poemario, A distancia do tambor, gañador do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño que cada ano convocan a Asociación Cultural Ergueitos e o concello de Sarria.

Calquera que intercambie un par de frases con Eva Veiga, sentirá ao instante o cálido da súa palabra. Muller vitalista e comprometida é, a día de hoxe, unha das voces máis recoñecidas da poesía galega contemporánea. Natural de Ombre (Pontedeume) na ribeira do Eume, estudou Filoloxía Inglesa en Compostela, non podendo ir a Madrid a facer o que ela quería, xornalismo. Pronto entrou a traballar en El Ideal Gallego para obrigarse a si mesma a vencer a timidez e, ao pouco tempo, incorporábase á Televisión de Galicia, dende a súa orixe, dirixindo e presentando programas culturais.

 Eva Veiga. Foto: D.F.

A poeta Eva Veiga. Foto: Daniel Fernández.

O pasado ano, por decisión unánime do xurado, resultou gañadora do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Este venres, 4 de xullo, presentará o libro A distancia do tambor na Coruña, logo de facelo o día anterior en Sarria.

Vivir Na Coruña – Eva, que é para ti a poesía? Que importancia pode ter para unha persoa, ou para a sociedade, como elemento de axuda?

Eva Veiga- Para min a poesía é unha arte e, como toda arte, é o modo de transformar a realidade dende un punto de vista da consciencia. Pero coido que a palabra ten algo que non teñen outras artes, que é a conceptualización. Ademais do sensible e o emocional, que é esencial, tamén está a capacidade de converter en concepto un pensamento ou emoción.

Concordo coas palabras de Octavio Paz nas que di que: “a historia ofrécenos a documentación do que se vive, pero a verdade é outra”, e a verdade vennos dada pola poesía. Ela expresa as emocións e sentimentos dun grupo humano, pero por riba disto danos a palabra en liberdade. Isto é para min o esencial. A poesía é fundamental a nivel social, universal, ten unha función crítica e fainos máis libres. Ao mesmo tempo tamén serve para establecer un vínculo afectivo co mundo xa que a poesía non existe sen emoción, ten que ser un golpe emocional que produza movementos tectónicos dentro.

Por outro lado a poesía tamén ten un valor terapéutico. Axuda a expresar o que un sente, ou o que non sabe que sente. Aquelo que está agochado. Axúdache a obxectivar o que tes dentro. Pensas que pensas, ou pensas que sentes, pero cando escribes decátaste da cantidade de sentimentos embarullados que hai no teu interior. A escrita axuda a poñer en orde isto. Axúdame a coñecerme a min mesma e a transformarme. A ir máis aló da palabras que conforman o imaxinario da nosa realidade e, quizais, transformar o meu mundo.

VNC- Cal é a relación do poeta co lector?

E.V- A palabra debe ter visión prismática. Un bo poema ten que ter sempre un significado polisémico e a palabra non se cingue a unha lóxica determinada. Ao lector se lle dan algo rematado de sentido non ten nada que facer. O propio poema danos a posibilidade como lectores de reescribir ese poema. A ambición máis grande do escritor non é o propio libro que escribe, senón o libro que escribe con cada un dos seus lectores, que será distinto.

VNC- A palabra conceptualiza, pero nas túas representacións a misturas con outras artes como pintura ou música…

E.V- As artes en xeral participan do poético, aquilo que non é expresable de ningún outro modo. Aquilo que transcende á realidade e a transforma. Forman parte da necesidade de crear do ser humano. Os recitais que fago co grupo Ouriol (que participarán na presentación do libro) é unha experiencia na que a palabra dialoga improvisadamente coa música, cumpríndose a máxima que dicía Antonio Machado: “ la poesía es palabra en el tiempo”. Coa pintura, principalmente a de Alfonso Costa, tamén se busca o diálogo coa palabra, esta vez con texturas e cores.

VNC- Quen che vira recitar con anterioridade percibirá a importancia que lle das ao silencio. Isto é algo que tamén lle preguntábamos a Dores Tembrás. Nesa combinación de música, poesía, ritmo… que papel xoga o non dicir?

E. V. – Para que a palabra diga ten que darse en silencio. O silencio non é un espazo entre palabra e palabra, senón que é a terra na que agroma. Coido tamén que para escribir é necesario calar, para poder escoitar o que o mundo ou o meu corpo di. A palabra ten que volver núa a dicirnos a súa verdade, cargada de significación. Cando recito, o silencio é a porta por onde entra o público. Eu recito de memoria para que a palabra acabe por saír soa dentro de min.

A poeta Eva Veiga autora de A distancia do tambor. Foto: D.F.

Eva Veiga é a autora de A distancia do tambor. Foto: Daniel Fernández.

VNC- Falas de que a palabra volva a súa xénese. En A distancia do tambor continuas coa temática intimista do teu anterior libro A frecha azul do teixo, pero tamén abres a túa poesía a outras temáticas.

E.V- Si, A frecha azul do teixo é o dó da nai que se vai, é como as palabras veñen a perfilar a anatomía da ausencia. Para min non só é importante por este dó, senón que foi un traballo moi intenso e profundo de estilismo coa mesma linguaxe. En A distancia do tambor, sigo con esta liña porque polo de agora non son capaz de escribir doutra cousa que eu non sinta. Ao mesmo tempo que me pasa pola cabeza tenme que pasar polas vísceras. Este é un libro de mulleres. Está a nai, a avoa, as mulleres desprazas en conflitos, a muller en liberación do primeiro mundo, aínda non liberada… Ten unha liña de denuncia e toma de conciencia da figura da muller.

VNC- O Premio Fiz Vergara Vilariño leva nome de poeta. Que foi para ti gañalo?

E.V- Sempre fai ilusión que recoñezan o teu libro, aínda que eu sempre me amoso moi relativista cos premios, xa que son algo moi fortuíto. Este premio fíxome moita ilusión por dúas razóns. Por unha banda, polo equipo que esta detrás, xente apaixonada e que o defende. A Asociación Ergueitos e o concello de Sarria merecen todo o meu recoñecemento e admiración. Pero tamén porque leva o nome dun poeta co que eu me sinto moi afín, xa que está moi en contacto ca propia natureza, de cantar o seu. Un poeta que eu creo que merece o Día das Letras Galegas.

Eva presentará A distancia do tambor o venres ás 20,00 horas en Portas Ártabras ( rúa Sinagoga 22), na cidade vella coruñesa. No acto participarán o editor Miguel Anxo Fernán Vello e a crítica literaria Teresa Seara. Acompañada por Fito Ares e Bernardo Martínez, os músicos que con ela compoñen o grupo Ouriol, Eva recitará poemas do libro, amosando aos asistentes “a palabra no tempo”.

 

Pin It

Un comentario sobre “Eva Veiga: “A palabra permite conceptualizar a emoción”

  1. Pingback: Nova lectura | Nébeda. Clube de lectura e encontros literarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>