Elas Falan do Grupo Ouriol

Poesía, música e pintura combínanse na actuación do Grupo Ouriol este sábado no Centro Cultural Ágora.

O Centro Cultural Ágora enriquece a súa programación cunha nova cita coa poesía. A vindeira semana haberá novo encontro de Poetas Di(n)versos, pero mentres o Grupo Ouriol, composto polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, e a poeta Eva Veiga, realizarán unha performance poético-musical baixo o título Elas Falan, este sábado a partir das 20.00 h.

A poeta Eva Veiga autora de A distancia do tambor. Foto: Daniel Fernández.

A poeta Eva Veiga. Foto: Daniel Fernández.

Un espectáculo centrado na figura da muller e na súa voz, pero que, de ningún xeito pretende ser un evento estritamente feminista, senón un espectáculo poético musical no que prima o valor estético e o interese por comunicar artísticamente o ámbito do feminino. Para facelo, Eva Veiga recitará dez poemas pertencentes a escritoras da literatura universal, dende finais do século XIX ata a actualidade. Entre esas dez voces, haberá ecos de linguas e acentos que proceden de lonxe, como os da rusa Anna Ajmátov, nominada ao Premio Nobel de Literatura no 1962; da arxentina Alejandra Pizarnik, ou da brasileira Clarice Lispector, entre outras. Pero tamén haberá versos de escritoras galegas, como Luz Pozo Garza, Luísa Villalta ou Pilar Pallarés, voces universais que a través do dicir de Eva dialogarán con Sylvia Plath ou con Nazik Al Malalka.

Acompañando os silencios e o recitar de Eva Veiga, estará a música do dueto de jazz Grus Art, composto por Bernardo Martínez e Fito Ares; frauta, saxo, clarinete e percusión que a acompañan dende hai dez anos.

Como achega plástica a esta amalgama artística proxectaranse de fondo obras do pintor Alfonso Costa, realizadas expresamente para a ocasión.

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>