Dores Tembrás: “O silencio permite que a palabra se escoite, se lea, se diga”

20Xuño

Presentación: Cronoloxía da Urxencia, de Dores Tembrás20:00 Rúa Sinagoga 22 cp: 15001, A CoruñaPortas ArtabrasTipo de evento:Letras

Dores Tembrás presentará este venres no espazo Portas Ártabras o seu último poemario: Cronoloxía da Urxencia.

A poeta de Bergondiño presenta na Coruña o poemario Cronoloxía da Urxencia (Espiral Maior 2014), gañador do Premio de Poesía do Concello de Carral o ano pasado e que o xurado sinalou coma ” un poemario esencial, emocionado e emocionante, enfiado arredor do amor e a paixón cun sentido positivo da existencia, poñendo en valor a simboloxía dos traballos da casa e do campo, resultando unha poética con raíce”O apego ao territorio, á familia, o uso da palabra exacta fuxindo da ornamentación, e a importancia do silencio son aspectos comúns na obra de Dores, xa presentes no seu primeiro libro, O pouso do fume (Espiral Maior, 2009).

Dores Tembrás. Foto da AELG: Stephane Lutier

Dores Tembrás. Foto da AELG: Stephane Lutier

 

Esta Doutora en Filoloxía Hispánica trata de estar en contacto sempre cos seus lectores e ca realidade mostrando proxectos nos que participa e reflexións na súa bitácora dixital. Hoxe, Dores encontra tempo na súa ateigada axenda para que podamos saber un pouco máis dela e da súa obra.

Vivir Na Coruña- Nacendo a literatura galega moderna da voz dunha muller, Rosalía de Castro, o certo é que logo resulta ser unha literatura de homes, quizais ata  Xohana Torres, cando eclosiona a voz da muller na poesía galega. Hoxe, poetas coma ti, Yolanda Castaño, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Emma Couceiro, Emma Pedreira, Antía Otero ou Maria Aldao formades una xeración xa fundamental, malia a vosa idade. Cál é a vosa achega á poesía galega, ou á poesía sen máis?

Dores Tembrás- Resúltame imposíbel valoralo. Coido que é o tempo o que permitirá chegar a algunha conclusión. O que si teño claro é que hai un bon número de poetas moi interesantes, cun traballo realmente orixinal e rigoroso coa palabra. Para min é un estímulo vivir o meu tempo en contacto con determinadas escritas, entre elas as que acabas de citar.

VNC- Es muller apaixoada dos teus. Cómo inflúe o ámbito afectivo familiar na túa obra?

DT- Inflúe de moitas maneiras. De forma implícita en case todo o que fago. Son alento loxístico e emocional. E de forma explícita tamén. Veño dunha familia cun fortísimo sentido da oralidade, que lle presta moita atención á palabra. Iso foi definitivo no meu xeito de entender a escrita. E agora os meus nenos descúbrenme a poética “orixinal”, a comunicación que reconstrúe e devolve a naturalidade poética á linguaxe.

VNC- Na poesía, ao igual que na música, o silencio é tamén parte esencial. Que papel xoga para ti o silencio nos teus poemas?

DT- O silencio é chave fundamental para min, como lectora e tamén como escritora. O silencio como orixe da palabra, un silencio activo, promesa. O que permite que a palabra se escoite, se lea, se diga. Como di Valente o poema conteno como material natural. Ouvir no poema, antes que a súa palabra, o seu silencio.

VNC- Que significa para ti levar o Premio de Poesía do Concello de Carral por Cronoloxía da urxencia?

DoresTembras-por-StephaneLutier-2014-041

Dores Tembrás. Foto da AELG: Stephane Lutier

A concesión do premio foi un verdadeiro agasallo. Pero fun moi consciente de que tamén era unha lotería. Sentínme moi afortunada e feliz pola obra. Por saber que se publicaría en Espiral Maior. E no concello miman moito o certame, foi un pracer estar en contacto con todo o equipo de cultura.

VNC- Por que ese título?

É un verso incluido nun dos textos que abre o poemario. Reunía todo o que me interesaba: presentar o libro ao lector de forma directa e breve, falarlle dos tempos da urxencia sen desvelar de máis.

VNC- Realizaches a túa tese sobre Alejandra Pizarnik, que lle debe a túa obra?

DT- Os anos de investigación foron fundamentais para internarme nos procesos creativos. Pizarnik é unha das poetas que se entregou con máis rigor á palabra. Sen que lle importase ceder á vertixe. Internarse nese proceso foi fascinante. A súa fe na palabra, a posibilidade de salvación, o traballo co silencio, coido que é sobre todo iso o que máis pouso deixou en min.

VNC- A parte dela, cales son as túas influenzas?

Nunca sei como respostar esta pregunta. Contar só as influenzas conscientes é trampa. Tampouco sei se unha ten control sobre as influenzas.É todo moito mais sutil, un proceso de alquimia e decantación que simplemente sucede.

VNC- O de publicar está complicado, pero a poesía sempre está aí. Como ves o futuro?

DT- Si. É algo que me preocupa. Sería inocente dicir que non importa que se publique ou non, porque o que importa é a poesía. Si, pero a poesía é filla dun tempo, escribimos para que nos lean, as canles para que isto aconteza son fundamentais. O mundo editorial vive un momento convulso, pero sigue habendo propostas interesantes, editoriais onde o xénero sempre ten cabida.Coido que a poesía mesma xenera espazos de resistencia.

A cita para a presentación de Cronoloxía da urxencia será este venres ás 20.00 h nas Portas Ártabras da cidade vella coruñesa. Alí, Dores Tembrás estará acompañada no acto de Miguel Anxo Fernán Vello, director de Espiral Maior, e da poeta Eva Veiga.

 

 

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>