Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás

A poeta Dores Tembrás presenta o seu novo poemario, Cronoloxía da urxencia, na XVII edición do premio de poesía Concello de Carral.

O pasado venres 30 de maio a poeta coruñesa Dores Tembrás presentaba o seu último libro Cronoloxía da urxencia, gañador da XVI edición do Premio de Poesía Concello de Carral 2013. O acto tivo lugar na Casa da Cultura do concello, nun salón de actos ateigado de veciños e amigos de Dores, pero tamén de Oriana Méndez, xa que ao tempo que se presentaba o libro gañador da edición anterior, entregábase o premio da edición deste ano a Oriana.

Falaron o alcalde de Carral, o Secretario Xeral de Cultura e Olga Patiño como portavoz do xurado deste ano, expoñendo as razóns que levaron ao xurado a premiar o libro O que precede á caída é branco. Olga referiuse a el dicindo que “é coma un eco que nos chega dende atrás, palabra en conciencia de identidade, latexo intelixente nunha paisaxe líquida e voraz”. Oriana recitou un fermoso poema, lírico e combativo ao tempo, de resistencia e de identidade, toma de conciencia e convite a non ficar pasivos.

Foi Miguel Anxo Fernán Vello, na súa condición de editor de Cronoloxía da urxencia, o libro de Dores Tembrás publicado por Espiral Maior, quen aproximou o seu contido ao público asistente, referíndose á autora como “poeta dos silencios purificadores, do desexo da palabra exacta, do pouso e da memoria”. Cronoloxía da urxencia vai precedido dun fermoso limiar de Pilar Pallarés, unha das voces máis admiradas por Dores, quen agradeceu a xurado do ano pasado, concello promotor do premio, editor, amigos e familia, “o apoio, o cariño, a memoria e o amor”, facendo fincapé nesa expresión que incorpora ao libro: pasar lambendo. Tivo tempo tamén para ler varios dos seus poemas. Desa Cronoloxía da urxencia deixamos aquí o primeiro poema, como anticipo, por facer boca:

aquí
cronoloxía da urxencia
arquitectura da mudez
entre
palabra e palabra
pasar lambendo

O acto pechouse cun recital poético musical de María Lado e Lucía Aldao, provocando o riso e a complicidade do público. O libro será presentado próximamente na Coruña.

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>