Perplexo, de ilMaquinario, gañadora dos María Casares

Reivindicación, crítica e humor a esgalla na gala de entrega dos XIX Premios de Teatro María Casares, na que ilMaquinario e Chévere levaron a meirande parte dos galardóns.

Perplexo de ilMaquinario Teatro

Perplexo, de ilMaquinario Teatro, foi a gañadora dos María Casares con cinco galardóns. Foto: Cris Andina.

Un ceo de mil bombillas alumeou á xove compañía ilMaquinario Teatro. A súa obra Perplexo foi a gañadora da noite do teatro galego con 5 María Casares. O director Tito Asorey, protagonista da gala, subiu tantas veces ao escenario como premios recibiu: mellor espectáculo, dirección, iluminación (canda Germán Gundín), adaptación – tradución (acompañado de Catuxa Pato) e tamén de vestiario, pola ausencia de Yaiza Pinillos.

O espazo escollido para a entrega dos 16 galardóns foi o Teatro Rosalía de Castro. O certo é que as quinielas sinalaban en dúas direccións, e razón non lles faltou: Perplexo e Ultranoite no País dos Ananos coparon a última edición dos María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), mentres que A Tempestade de Voadoraa pesar de ter de 10 nomeacións, marchou sen nada.

teatro-rosalía-maría-casares

O Teatro Rosalía acolleu os XIX Premios de Teatro María Casares. Foto: Cris Andina

A compañía Chévere, Premio Nacional de Teatro no ano 2014, fíxose cos galardóns de mellor actor secundario, música e texto orixinal polo seu espectáculo Ultranoite no país dos ananos, mentres que Sarabela Teatro, Elefante Elegante, A Panadaría, e Tanxarina levaron un. Precisamente esta última compañía, coa obra A Casa do Avó, levou o premio que supoñía a novidade desta edición, o recoñecemento ao mellor espectáculo infantil. O equipo de A Casa do Avó, que narra un desafiuzamento, quixo adicar o galardón “ás plataformas que contra esta inxustiza”.

A CAsa do Avó, de Tanxarina, gañou o premio ao mellor espectáculo infantil. Foto: Cris Andina

A Casa do Avó, de Tanxarina, gañou o premio ao mellor espectáculo infantil. Foto: Cris Andina

 

Dun furancho a unha viaxe pola multiculturalidade

Poderá mudar a aescenografía, pero unha cuestión é común a todas as galas: cómpre apoiar o noso teatro. A última edición dos Premios María Casares, ideada pola compañía Elefante Elegante ,foi de novo moi crítica coa situación do sector en Galicia e a falta de apoios por parte das institucións. Se ben o ano pasado un furancho serviu de metáfora do teatro galego, nesta ocasión a cerimonia foi espello da vida de centos de actrices e actores que tomaron a itinerancia como xeito de vida e amosar a esencia de “artista ao lonxe”. Sobre o escenario, Elefante Elegante estivo acompañada pola música de Kibitka.

A dos María Casares foi unha gala moi crítica co tratamento das institucións ao teatro galego. Foto: Cris Andina.

A dos María Casares foi unha gala moi crítica co tratamento das institucións ao teatro galego. Foto: Cris Andina.

As premiadas e premiados aproveitaron a ocasión tamén para amosar a súa disconformidade co horario da emisión da gala na TVG pola pouca visibilidade que tería adiada ás 12 da noite, tres horas despois do seu inicio no Rosalía. “A TVG confía no teatro galego porque sabe que pode facerlle fronte aos adiviños e á teletenda”, ironizou Xurxo Borrazás, lector do manifesto do Día Mundial do Teatro. A subvención de 300.000 € ao videoclip de Enrique Iglesias tamén foi un tema moi presente ao longo da gala, sendo parte do mesmo guión a explicación dos tres elementos imprescindibles para optar á vindeira axuda institucional. “Ten que saír a Cidade da Cultura, un queixo de tetilla e un hórreo”, explicou Iria Pinheiro no seu papel de condutora da gala. Houbo quen tamén tivo tempo para pedir o voto, como fixo Xacobe Martínez Antelo, premiado pola mellor música na Ultranoite no país dos ananos. “Ide votar. Non sexades hippies e votade as alcaldesas que apoien a música ao vivo”.

Elefante Elegante foi a compañía responsable de dirixir a entrega dos premios. Foto: Cris Andina

Elefante Elegante foi a compañía responsable de dirixir a entrega dos premios. Foto: Cris Andina

Un dos momentos máis agardados na noite foi a entrega do Premio de Honra Marisa Soto. Vicente Montoto, galardoado nesta ocasión, tivo tamén unha postura moi crítica coa situación do sector “nos últimos tres decenio” polos recortes. “Sinto mágoa e vergoña allea polo trato á cultura galega”, afirmou, querendo tamén facer especial fincapé e reivindicar a función social do teatro “como servizo público imprescindible” para á cidadanía.

Vicente Montoto recibiu o premio de honra Marisa Soto. Foto: Cris Andina

Vicente Montoto recibiu o premio de honra Marisa Soto. Foto: Cris Andina

Os María Casares despídense até o ano que vén, pero o teatro galego non marcha, porque como explica o Manifesto galego do Día Mundial desta arte escénica, “no teatro seguimos adiante, escahamos coa risa e fervemos cada vez que se descorre o pano e o público aplaude. Que frío vai no mundo! Que ben se está no teatro!”. Podes ver todas as fotos dos XIX Premios María Casares nesta ligazón.

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>