Menú do día con Carlos Blanco

Esta fin de semana Carlos Blanco presenta o seu espectáculo Menú do Día, acompañado por Luis Dávila, no Teatro Colón. Presentamos esta conversa como non podiamos facer doutro xeito: á carta.

carlos blanco

Carlos Blanco – Foto: Chano Amado

Aperitivos.

Non era de pota. Pero era un café.

Ás veces unha entrevista non é tal. Máis ben torna nunha conversa. Unha batería de preguntas e respostas con Carlos Blanco transfórmase nun encontro casual, no que o tempo da tregua aos compromisos. Dende o interior da sala escóitase unha voz presentando un concerto. “Ese que tiña que estar presentado… era eu”. Pero quedou con nós.

Blanco é un dos actores máis coñecidos de Galicia. Teatro, longametraxes, radio, televisión. A excusa era falar do Menú do Día que vai presentar con Luis Dávila este fin de semana no Teatro Colón. Nembargantes o café levounos a falar da súa desaparición nos medios públicos, da cultura, do sector, do galego, das redes sociais. Un completo menú maridado coa experiencia dun actor preocupado pola situación das novas xeracións das artes escénicas en Galicia.


Primeiro prato. 

“Dende hai moitos anos o primeiro que fago no día é coller o iPad, ir ó Faro de Vigo e buscar a viñeta de Luis. Creo que non hai, neste momento, un debuxante tran brillante, cada día, como el”. Carlos Blanco fala do debuxante Luis Dávila. Insiste na admiración ó seu traballo e a “brillantes diaria” da súa obra. Durante moito tempo cavilou cómo poñer en diálogo “dous universos tan parecidos, da nosa forma de entender o país, dende o orgullo de ser como somos, de ser da terra”. Un día, colleu o teléfono e chamonou para facerlle unha proposta. Despois dun ano traballando xuntos, xurdiu a obra que este fin de semana presentan no teatro Colón.

Menú do Día é un diálogo entre dous creadores. Un traballo “experimental” entre humoristas, un gráfico e un oral. “Eu creo que é a primeira vez que faise algo así. Dous humoristas traballando e creando simultánemente”. Carlos está moi contento polo resultado. “Deunos moitísimo traballo fusionar dúas cousas tan diferentes”. Neste espectáculo traballan sete personas, aínda que no Colón serán oito.

O público atopará unha charla entre Luis e Carlos. Unha conversa, na que cada un deles sigue ao outro, con momentos únicos que poderán inmortalizar. Como cando Luis debuxa. “É un momento especial. Ese debuxo só se fai esa noite, así que digolle ao público Agora! Agora! E verás no Colón 300 móbiles sacando fotos. Con flash”. Carlos ri, porque sabe que é unha das teimas coas que actores e salas teñen que lidiar en cada espectáculo. “Eu constatei que moito que lle digas que apaguen os móbiles e non fagan fotos, van facelas… Polo menos que as fagan cando eu quero. Tamén lles digo que cando vaian a unha función seria non saquen o móbil. A nosa… no é seria”. Una hora e media de risa no Teatro Colón con dous humoristas imprescindibles na escena galega.

Carlos Blanco

Carlos Blanco. Foto: Chano Amado.

Segundo prato.

Falar con Carlos Blanco é unha oportunidade única para coñecer a visión experimentada dun firme defensor da cultura e teatro galegos. Natural de Vilagarcía de Arousa, Carlos ten traballado en diferentes cidades e entornos, e case sempre representa as súas funcións en galego. “Incluso en Rotterdam ou Cracovia”. Para el é o natural. “Eu non me vou opoñer que a xente faga obras en castelán ou en inglés. Nós non temos máis obrigas que facer cultura, na lingua que prefiras. Por iso non lle imos poñer multas a ninguén”. Preguntámoslle polo seu espectáculo en Londres da pasada tempada, onde transformouse en Charles White. “A clave de Londres foi facer o espectáculo en galego. A xente que esta alí ten espectáculos en castelán, pero non en galego”, explica. “Cando vou a Madrid ou Barcelona, actúo en función do sitio. Se vou ó Centro Galego, fago a representación en galego. Pero se vou ó Teatro da Latina, onde a metade da xente non fala galego, fágoo en castelán. A mín faime máis ilusión en galego, porque sáeme de primeiras. Pero eu domino o castelán e non teño ningún problema en facelo en castelán”.

A súa ausencia nos medios públicos galegos ven sendo un tema de conversación habitual nos círculos artísticos. “É un asunto clamoroso que non conten conmigo”. Blanco é considerado un dos humoristas máis importantes de Galicia tanto pola súa traxectoria. Precisamente na Televisión autonómica foi un dos protagonistas da serie máis vista da historia da TVG, Mareas Vivas, onde traballou con Luis Tosar, Miguel de Lira, Xosé Manuel Oliveira “Pico“, ou Luis Zahera.  “Eu non dependo da galega, dependo do público, pero paréceme unha inxustiza clamorosa”. A palabra “censura” sae dos seus beizos. “Pero ben. Eu decido o que quero, e ás veces é o precio que hai que pagar. Se eu non traballo nun sitio, non traballo. E se non protagonizo unha película, non a protagonizo. Pero eu fago o que quero”.

Nestes últimos anos, Blanco traballa no que quere: o teatro. Nembargantes a situación do sector preocúpalle especialmente. ” Na nosa profesión hai un 70-80 % de paro. Eu sempre penso nos compañeiros que xa non aparecen. Xente moi boa, dunha categoría enorme. Teño amigos actores, guionistas que están pasando por unha situación dramática”. A súa expresión torna preocupada. Fala dun retroceso do que xa non hai volta atrás. “Eu penso no meu fillo, nos seus compañeiros, e penso cómo van vivir. Nos anos 60 non podías traballar aquí no sector. Neste pais a xente comenzou a profesionalizarse nos 80. Ata entón ninguén vivía da profesión artística”. Nomes como Vidal Bolaño, ou Eduardo Alonso saen á relucir. “Agora estamos volvendo ó amateurismo. Pero Picasso tivera sido amateur… non sería Picasso. Se alguén quere ser moi bo, ten que adicarse en exclusiva a súa profesión. Se ten que traballar pola mañá dando clase ou no banco e pola tarde no teatro, eso é un hobby, non unha profesión. E infelizmente estamos nun país que considera a cultura como un hobby”. As palabras e os xestos de Carlos son firmes. Os xestos de preocupacións dan paso ás cavilacións. “Tes que gañar para vivir. É unha pena que non se poda vivir da nosa profesión neste momento, salvo para 3 ou 4 que si o conseguimos. E penso, que vai pasar coa xente máis noviña? Que fai un actor con 25 anos que quere ser profesional en Galicia?”.

Carlos Blanco Menú do día

Carlos Blanco – Foto: Chano Amado

Postre e café.

Imos rematando a conversa. Carlos ten que marchar. Preguntámoslle pola súa relación con Internet e as redes sociais, xa que conta cunha importante comunidade de seguidores.  Recoñece que permítenlle ter un contacto máis directo coa xente. “Xa non dependes das persoas da sección de cultura dos xornais. Ti mesmo podes trasnmitirlle á xente a información”. Pola contra esta relación ten unha cara B. “Case todos os días recibo peticións polo Facebook para facer colaboracións en accións sociais. Unha das primeiras ideas é levar a Carlos Blanco, Manolo Rivas ou Luis Tosar. Pero nós non somos profesionais de apoiar nada”. Son profesionais da cultura. “Creo que hoxe en día ten pouco valor que nós apoiemos algo. Hai un tempo que decidín non participar neste tipo de accións, ao menos que sexa algo que me toque máis de cerca”.

Tras Menú do Día e unha curta en Ourense, Blanco quere coller una tempada de descanso. Reducir as actuacións e as aparicións. Polo de agora, céntrase na obra con Dávila. “Dámoslle o público unha hora e media humor,  que é o que tamén veñen buscando. E a min o público dame tempo para reflexionar, para pensar. Eso é un privilexio”. Quere descansar e pensar en novos proxectos. Unha liberdade que só aqueles actores cun percorrido e apoio popular similar ao de Carlos poden atopar.

2Maio

Teatro: Menú do día 23:00 Avenida de la Marina s/n, 15003 A CoruñaTeatro ColónTipo de evento:Teatro

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>