Alfonso Zarauza: “Encallados é unha película sobre a imposibilidade de facer unha película”

10Xullo20:30Cine: Encallados20:30 Avenida de la Marina s/n, 15003 A CoruñaTeatro ColónEvent Type :Música

Este xoves proxéctase no Teatro Colón o filme Encallados, unha película que aborda a dificultade de facer cine en Galicia, a través da ironía e humor, tendo como liña argumental a produción dunha película sobre a catástrofe do Prestige.

Case seis anos tardou Encallados en saír á luz. Catro dende que a idea xerminou e se filmou, tempo ao que hai que sumar o ano longo durante o que a película estivo “nunha cámara frigorífica”. Isto é un exemplo das dificultades que poden chegar a ter hoxe os proxectos audiovisuais que non se acollen ás liñas marcadas polas grandes distribuidoras.

Elenco de Encallados

Os actores Ricardo de Barreiro, Federico Pérez presentando Encallados xunto ao director Alfonso Zarauza.

A cinta, dirixida por Alfonso Zarauza e protagonizada por Xulio Abonjo, Federico Pérez, Ricardo de Barreiro e Farruco Castromán, é unha peza na que ficción e realidade dilúense. A película ten como liña argumental a urxente elaboración dun guión de cine sobre a catástrofe do Prestige, un tema que para Zarauza “aínda está moi candente e haberá que tratar con intelixencia no futuro”. A partir desta situación, a película amosa ao espectador con ironía, autocrítica e moita retranca, a realidade do cinema galego e as diferentes vicisitudes polas que un director e dous guionistas pasarán para tratar de sacar a película adiante. O propio director acaba por definila como “unha película sobre a imposibilidade de facer unha película”.

Alfonso Zarauza, director do filme Encallados.

Alfonso Zarauza, director do filme Encallados.

Para o actor Ricardo Barreiro esta é unha película“limpa e honesta que pretende recuperar a artesanía dentro do cine”. Unha longametraxe que foi rodada en branco e negro, con cámara de 16 mm. e en dez días, “cando o normal terían sido entre seis e nove semanas”, confesa o director, que pese a todo afirma que “este tipo de proxectos danme moitas máis alegrías que outros máis comerciais”. Malia a limitación de recursos, Encallados conta xa con varios recoñecementos, dende o obtido no Festival Internacional de Cine de Viña del Mar 2008, ata os tres Premios Mestre Mateo 2014: mellor Película de TV, mellor fotografía e mellor montaxe.

O director confesa que Encallados “dáse nun momento de crise, pero que tamén son estes os momentos para reflexionar sobre moitas cousas”. Por isto o equipo da película apostará por unha distribución aberta, xa que dentro de pouco poderá ser vista e descargada a través de Internet en portais especializados. Polo de agora, a cinta está facendo un percorrido de promoción por fóra das salas comerciais. Se hai un mes eran varias as proxeccións realizadas en Compostela, esta semana toca na Coruña e axiña chegará a Vigo e outras localidades galegas. Despois da época estival comezarán a promoción fóra de Galicia.

Durante a proxección que terá lugar o xoves ás 20.30 h. no Teatro Colón coruñés, haberá tamén unha actuación musical en vivo na que se interpretarán dous temas orixinais da película.

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>