Viñetas desde o Atlántico 2014

A XVII edición do Salón Internacional Coruñés da Banda Deseñada, Viñetas desde o Atlántico, chega á cidade con alternativas para a crise.

 

[Info detallada dos autores, neste artigo do noso coordinador de cómic e ilustración, Bruno Lorenzo]

Dende o 4 ao 10 de agosto os xardíns de Méndez Núñez acollerán, como é habitual, a gran cita do cómic na Coruña, Viñetas desde o Atlántico. Tempo no que os superheroes invaden as rúas e penduran das fachadas da cidade. Un Salón que, cumprindo dezasete anos de vida, repasará algunhas das diferentes alternativas que os debuxantes e guionistas do mundo do cómic están a utilizar fronte á crise, tratando de transformar unha ameaza en novas oportunidades.viñetas desde o atlántico

Son algúns destes novos modelos a autoedición en Internet, a alianza entre debuxantes veteranos e novos ou a frutífera alianza do mundo do cómic co cine ou a televisión. Estes serán algúns dos temas a tratar. “Non é que estas fórmulas nos vaian a funcionar a todos os debuxantes no caso de que todos fixeramos o mesmo, pero podemos aprender delas”, comenta o último premio Nacional de Cómic, o coruñés Miguel Anxo Prado, un dos organizadores da mostra.

A través deste fío condutor Viñetas desde o Atlántico reunirá durante unha semana a autores do ámbito internacional e nacional, que son referencia nesta procura da sostenibilidade do traballo do debuxante. Como xa comentaramos hai unhas semanas, cabe destacar a presenza do británico Charlie Adlard, autor de The walking dead, cun grande impacto na audiencia coa adaptación do seu traballo á pequena pantalla. Tamén atoparemos a outros invitados como: o belga Zidrou, un dos guionistas máis reputados do cómic europeo; o debuxante valenciano Sento, Premio Internacional Fnac-Sins 2013 ; o prolífico coruñés Jano; ou Montse Martín, gañadora no 2012 da mellor obra, guión e debuxante Nacional no Salón do Cómic de Barcelona.

O que tamén coñecemos hoxe foi o cartel deste ano, obra de Francesc Capdevilla, alias Max, colaborador de El País Semanal e  gañador do Premio Nacional do Cómic de 2007.

Exposicións

Cómo é habitual, un dos centros neurálxicos de Viñetas desde o Atlántico serán as salas do Kiosko Alfonso, onde compartirán espazo a obra de Zidrou, Sento, Jano, Montse Matín e a do autor revelación do Salón de Barcelona 2012, Oriol Hernández.

Charlie Aldard, dibujante de The Walking Dead, estará en A Coruña.

Charlie Aldard, dibujante de The Walking Dead, estará en A Coruña.

Tamén a Sala Municipal de Exposicións do Palexco renderase ao cómic durante estes días, acollendo aos mortos vivintes de Charlie Adlard, e a obra do varias veces nomeado ao premio Eisner, Marcos Martín, así como a dun dos coloristas de Spiderman, Javier Rodríguez.

A oferta de exposicións é completada coa mostra que se poderá ver na Sala Municipal do Palacio de Maria Pita sobre o cómic español dos anos 50, a mostra que acollerá a Sala Salvador de Madariaga adicada á banda deseñada galega e a exposición Autoras de papel,que acollerá o Centro Cultural Ágora.

Charlas e clases maxistrais

Aproveitando tanto talento xunto, o programa desta XVII edición de Viñetas desde o Atlántico, volverá a ofrecer charlas maxistrais de invitados como Zidrou, Sento, Marcos Martínez ou Charlie Adlard, que compartirán cos asistentes as súas experiencias e coñecementos.

Tamén, abordando a temática de alternativas á crise, o venres día 1 de agosto, Emma Ríos, José Domingo e David Rubín, tres autores internacionalmente premiados e residentes na Coruña, abrirán boca dando a súa visión do sector na mesa redonda Cómic galego sen fronteiras, que terá lugar no Ágora ás 20.30 h e que estará moderada polo experto en banda deseñada Henrique Torreiro, quen tamén impartirá un obradoiro creativo no mesmo centro.

Actividades para cativos, cativas… e non tanto.

O ilustrador Manuel Cráneo será o encargado de coordinar unha serie de obradoiros que terán lugar durante todo o mes de agosto e que xirarán en torno ao mundo do cómic e da ilustración.

Serán Chicas comiqueras as encargadas de achegar os máis cativos á banda deseñada durante os campamentos de verán que terán lugar no Ágora e no Forum Metropolitano. Baixo a temática Luces e sombras, artistas como Vanessa Durán, Macus Romero, Talia García ou Marina Seoane, entre outras, iniciarán aos pequenos no mundo do manga, acompañarán na creación de superheroes e villanos con collage, ou ensinarán a pintar mundos con area.

Os fans do mundo e apocalipse zombie, algo que gusta a pequenos e grandes, tamén terán o seu momento. Os xardíns de Méndez Núñez acollerán unha sesión de maquillaxe, Zombies en los jardines, para todo aquel que queira parecer máis morto que vivo. Esta acción coincidirá coa firma de exemplares que realizará Charlie Adlard.

Serán numerosas actividades as que teñan lugar ao redor do mundo da novena arte estes días, como a emisión en directo do Podcast de Universo Marvel e, xa fóra dos xardíns e do circuito de Viñetas, o microfestival de banda deseñada Autobán,  no que destacan o mercado de fanzines, combate de debuxantes e charlas variadas.

feria del libro a coruña

Viñetas desde o Atlántico celébrase á vez que a Feira da Banda Deseñada. Foto: Bárbara Vilariño.

 

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>