A Fundación Luis Seoane presenta a nova programación

A Fundación Luis Seoane presentou a programación da tempada 2014-2015 na biblioteca do edificio, que estará aberta ao público dende xuño. O traballo conxunto con outras institucións, clave para a súa proxección nesta nova andaina.

Xosé Díaz, secretario do Padroado da Fundación; a concelleira de Cultura Ana Fernández e David Barro, director da Fundación Luis Seoane.

Xosé Díaz, secretario do Padroado da Fundación;  Ana Fernández, concelleira de Cultura e David Barro, director da Fundación Luis Seoane, hoxe na presentación da nova programación. Foto: L. P.

Novos aires na Fundación Luis Seoane. O museo, centro de producción e arte contemporánea da cidade vella dirixido dende febreiro por David Barro presentou hoxe a programación da vindeira tempada. Un programa co que, a través do traballo conxunto con outras institucións, pretende dotar ó espazo dunha maior proxección rexional e internacional, amosando o legado de Seoane en centros de referencia de todo o mundo.

A primeira destras mostras coas que a Fundación quere posicionarse é  Juliao Sarmento. Guest or Host?, e terá lugar do 3 de xuño ao 28 de setembro. A primeira gran exhibición da obra do artista portugués achégase á Coruña da man do Centro Atlántico de Arte Moderno de As Palmas de Gran Canaria, CAAM. Para David Barro trátase dunha “alianza clave” para a Fundación, xa que CAAM “é o museo que fai un traballo trasatlántico máis importante” do momento. A de Sarmento é a primeira de tres exposicións que ambas institucións preparan de maneira conxunta.

En outubro  Fundación acollerá unha exhibición do traballo de Günther Förg. Segundo Barro, é a primeira exposición do pintor abstracto dende o seu falecemento en decembro. No tempo coincidirá cunha mostra da brasileira Sandra Cinto, grazas á colaboración do Matadero de Madrid, dando paso á exposición da artista coruñesa Ángela de la Cruz. Unha exposición “moi esperada para calquera amante da pintura”, segundo Barro, xa que De la Cruz nunca tivo “unha mostra institucional mínimamente retrospectiva e individual” en Galicia nin en España. A concelleira de Cultura, Ana Fernández, alabou a iniciativa desta mostra xa que considerouna “unha asignatura pendente”, destacando tamén o traballo de David Barro neste tempo. A mostra adicada á obra de Ángela de la Cruz coincidirá no tempo coa mostra de Picasso no Museo de Belas Artes, buscando así unha proxección “para captar público interesado na arte do século XX”.

O mundo editorial terá, como na obra de Seoane, un lugar destacado na Fundación. Dende xuño a súa biblioteca especializada estará aberta ao público polas mañás, e nos proxectos expositivos o libro será un elemento máis da mostra. Para Barro, “unha publicación ten unha función educativa, divulgativa, pero tamén é estratéxicamente clave para unha proxección exterior dunha entidade periférica”.

biblioteca Luis Seoane

A Biblioteca da Fundación Luis Seoane estará aberta ao público dende xuño. Foto: L. P.

Novas vertentes de Luis Seoane

“O patrimonio da Fundación é o propio Luis Seoane”. Por iso unha das novas liñas será amosar a obra do autor dende distintas perspectivas, tanto no Museo como chegando a acordos que farán que a súa obra chegue a centros de toda España. Por outra banda potenciarase a producción e o apoio aos artistas galegos máis novos, creando un vínculo entorno á figura de Luis Seoane e á Fundación. Misha Bies Golas, Tatiana Medal ou Damián Ucieda traballarán sobre Seoane e o seu legado, e moitas das súas obras pasarán a formar parte da Fundación. A idea é “implicar a axentes activos do panorama galego actual cunha figura que foi sobretodo un activista e militante da arte e da cultura galegas, conectando interxeneracionalmente a figura de Luis Seoane”.

Cursos máis breves pero intensos

Nesta nova etapa, a Fundación procurará ofertar actividades en relación coas distintas institucións a través de “alianzas estratéxicas” , coma a Sinfónica de Galicia, COAG Coruña, Mostra de Cinema Periférico ou o Centro Galego das Artes da Imaxe.  Unha das novidades da programación será a duración dos cursos, sendo máis “breves e intensos” e con inscripción aberta ao longo do ano. En setembro tamén comezará a iniciativa “Amigos da Seoane”, coa que pretenden que o público apoie dun xeito “emocional” a labor da Fundación.

Outra das novidades será Crónicas desde a Seoane, un proxecto de entrevistas a personaxes da cultura galega. Unha homenaxe ao Seoane comunicador e cronista da revista Galicia Emigrante.

 

 

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>