Manuel Vilariño vs. Alberto García Alix

O fotógrafo Xacobe Melendrez comparte a súa visión das exposicións “Mitologías”, de Manuel Vilariño, e “El Paraíso de los creyentes”, de Alberto García Alix.

 

Dúas exposicións de fotografía remataron na Coruña: a de Manuel Vilariño, “Mitologías” no Museo de Arte Contemporánea (de Gas Natural) o día  23 de febreiro  e a de  Alberto García Alix ,“El paraiso de los creyentes” no Kiosko Afonso o 16 do mesmo mes.

Dous fotógrafos contemporáneos cunha traxectoria chea de éxitos e galardóns (os dous foron premio Nacional de Fotografía, Vilariño  no 2007  e García Alix  en 1999). Ambas mostras teñen en común a indagación no interior, un intimismo que enfocan de xeito poético os dous , pero con camiños ben diferenciados.

Fotografía: Xacobe Melendrez Fassbender

Fotografía: Xacobe Melendrez Fassbender

A obra exposta de Manuel Vilariño, casi toda ela a cor, é poesía visual en soporte fotográfico na que deixa ver a súa formación como biólogo e as súa afición polos escritores e filósofos clásicos e románticos, asomando en cada esquina a visión existencialista, co drama, a morte e a dor presente na propia esencia da vida. Vilariño traballa coa pegada, non atoparemos rostros humanos nas súas fotografías, pero sempre existe a súa presencia delatada pola manipulación do contorno ou por unha visión transformada do mesmo, ás veces xogando co tempo e o espectador, provocando a espera dunha intervención que non debe demorarse. Unha procura do autor por situarse no mundo como individuo a través da cámara. Vemos por primeira vez nunha mostra de Vilariño un pequeno intento de instalación de voz, sobre a serie “Metamorfosis de las sombras” do ano 2002, que sorprende ao visitante pero de interpretación pouco lexible.

García Alix expón tamén unha viaxe autobiográfica,  interior, pero sempre apoiándose no seu contorno social inmediato, o retrato da súa tribu e de si mesmo. Salientable é o diaporama, un slide show no que incorpora a súa voz, con textos propios que achegan a obra á palabra, que é a esencia da poesía. Uns textos claves e sinxelos nos que se clarividencia a esencia do artista. Alix é un autor de culto para moitos dende que fotografiou, sen propoñelo, a movida madrileña. Cautívaos co seu discurso centrado en ambientes sórdidos, malditos… imaxes que se achegan ao pornográfico e que contrastan coa fidelidade que ao longo da súa carreira ben mostrando con moitos dos seus modelos (Isa, Monserrat…), pero o que sería exótico noutros, neste  autor é autenticidade pois relata en imaxes  o seu mundo, honestidade que quere deixar clara coas súas palabras  “para mi lo marginal es la política, no lo que sale en mis fotografías”.

Fotografía: Xacobe Melendrez Fassbender

Fotografía: Xacobe Melendrez Fassbender

Dúas boas exposicións  nas que se bota en falla apostas novas nos traballos presentados, imaxes nas que poder ver a evolución máis recente destes dous autores de referencia da fotografía intimista, esa fotografía filla dunha concepción postmoderna da arte que hoxe se reinventa por outros camiños, na procura de identidades máis abertas e colectivas.

Xacobe Meléndrez Fassbender, Cecebre 7–II-2014

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>