David Barro, tres meses de diálogos e colaboracións

Cúmprense tres meses da chegada de David Barro á dirección da Fundación Luis Seoane. Tres meses de intenso traballo coa intención de crear “unha masa social” na Coruña que empatice cos contidos da Fundación e fomentar a súa proxección creando sinerxías. A clave para Barro é o diálogo: “hai moitas maneiras de traballar en colaboración”.

 

David Barro - Luis Seoane

David Barro, director da Fundación Luis Seoane

David Barro presentou hoxe a programación da vindeira tempada. “É unha programación internacional, pero o 70 % case é galego ou ten relación con Galicia”. O acto tivo lugar na biblioteca, que dende xuño estará aberta ao público polas mañás. Un xesto que amosa o interese de apertura á cidade sen quedar só nas verbas.

Comisario, editor e xestor, Barro dirixe dende febreiro a Fundación Luis Seoane. Recoñece estar “moi cómodo con equipo, co formato, coa Fundación”, aínda que foron tres meses de moito traballo. “Non parei. Paréceme importante non parar, porque Luis Seoane foi un personaxe moi activo, e merece que os que estemos representando o seu nome tamén teñamos un carácter emprendedor e activo nese sentido, creando novas alianzas”. Neste tempo, as accións estiveron enfocadas ao traballo interno. “Unha parte do traballo foi visitar distintas institucións, preguntarnos en qué podemos unir esforzos. Por outra banda, foi lograr unha programación que puidera ser presentada para comezar a traballar en serio e para que todo o mundo vira as liñas expositivas que se presentan aquí”.

Para Barro unha das claves para lograr esta proxección e visibilización é o diálogo e as colaboracións entre os axentes culturais. Un paso adiante na forma de traballar que, ás veces, non se da noutros ámbitos da cidade. “Gústame dialogar e teño boa relación co todas as institucións coruñesas, e hai moitas maneiras de traballar en colaboración. Poden ser específicas, pero tamén intentaremos facer programacións que podan ser complementarias. Falaremos co MAC, a Fundación Barrié, Novagalicia ou a Fundación María José Jove”. Nesta liña, e tendo en conta a relevancia que a obra de Pablo Picasso terá no 2015 na Coruña, a Fundación Luis Seoane apostará por ofrecer unha visión da parte máis actual da plástica coa representante máis importante a nivel internacional da Coruña: Ángela de la Cruz. “Realmente é complexo facela cunha artista como ela, xa que non fai moitas exposicións. Non porque non quixera, senón porque teñen que darse a oportunidade e as condicións para que Ángela de la Cruz queira facer unha exposición aquí. As condicións de traballo e programación son complementarias para que artistas deste nivel queiran facer unha exposición na cidade.” As obras de artistas como Juliao Sarmento, Günter Förg ou Sandra Cinto tamén formarán parte da nova programación gracias ao traballo conxunto con espazos como o Centro Atlántico de Arte Moderno de As Palmas, ou Matadero de Madrid.

Fundación Luis SeoanePero a necesaria colaboración da que fala Barro non é só a nivel institucional. O novo director pretende implicar ao resto de axentes activos da cidade no proceso. “Se facemos algo de música contemporánea, o normal será que falemos coa Sinfónica, ou se facemos algo de artesanía, que falemos co Centro Galego de Artesanía e Deseño”. O mesmo podería suceder coa Escola de Arte de Deseño Superior Pablo Picasso. “A idea é crear masa social e empática para que as persoas visiten a Fundación porque os contidos lle interesan, porque pode ser un espazo aberto e querido pola cidade. Quero que as persoas se sintan cómodas na Fundación e que sintan que facemos traballo para as persoas”.

Dende agora este vínculo coa cidadanía será efectivo coa apertura da biblioteca especializada da Fundación  polas mañás, de 11 a 13, a partir do mes de xuño. “A cuestión non é tanto o porqué da apertura, como por que estivo pechada todo este tempo”. Barro quere ademáis convertir á Fundación nun punto de encontro para artistas e axentes culturais, que tomará forma nos vindeiros meses. Unha liña que sumar á condición de museo e centro de arte: centro de producción, vinculando aos artistas máis novos á figura de Luis Seoane e da Fundación.

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>