Abrir o caixón da nosa Historia (ou como comezar o 2015 cun bo plan na Coruña)

Nos propósitos de aninovo ben podería ter un oquiño o achegamento a unha desas figuras inxustamente esquecidas que contribuíron a mellorar a nosa sociedade.

Víctor Said Armestro. Fonte: Museo do Pobo Galego.

Víctor Said Armestro. Fonte: Museo do Pobo Galego.

Desta volta, a Fundación Barrié bríndanos a oportunidade de facer o propio con Víctor Said Armesto, un nome tan descoñecido como imprescindíbel para entender a cultura galega de principios do século XX. Este sábado comezan as visitas guiadas á exposición; toda unha viaxe no tempo articulada a través dos documentos e obxectos persoais de Said, que saen do arquivo da Fundación para devolverlle ao intelectual pontevedrés o lugar que merece na nosa Historia.

Víctor Said ArmestoPodemos presentar a Said Armesto (1871-1914) a través do seu abraiante currículo, que nos conta moito das súas paixóns e dedicacións nos seus escasos 43 anos de vida. Innovador fil��logo, etnógrafo pioneiro, xornalista no albor dos xornais, ateneísta no apoxeo dos Ateneos, republicano e sufraxista, literato, filósofo, orador, ensaísta, poeta, operista. Membro do histórico coro Aires da Terra, dirixido por Perfecto Feijoo na efervescente Pontevedra do 1900. Primeiro catedrático de Literatura galego-portuguesa no Estado español, e un dos dez persoeiros convocados en 1905 para a constitución da Academia Galega. Querido, admirado e chorado por Murguía, Menéndez Pidal, Pérez Galdós, Pardo Bazán, ou Unamuno.

Podemos presentalo mesmo facendo alusión ao contexto no que viviu: esa Pontevedra intelectual de finais do XIX, unha das capitais culturais do Estado, onde todo acontecía; ou o Madrid dos cafés, a imprenta e os teatros co que Said Armesto e a súa familia mantiveron constante contacto. Ese tempo de “-ismos”, onde se sucederon e conxugaron o liberalismo, o republicanismo, o romanticismo, o rexionalismo, o modernismo. Esa sociedade galega, e española, que se remexía e se redefinía en busca dunha identidade, despois da perda de Cuba no 98.

Pero, neste centenario do seu pasamento, parece moito máis xusto presentalo por todos os valores que representa a súa figura e a súa traxectoria para a nosa comunidade. Porque a súa letra, as súas vestimentas, ou a súa oratoria poden parecer propias doutro tempo, pero as súas aspiracións de democracia, o seu empeño na valoración do popular e o tradicional, e o seu profundo amor pola cultura galega nunca estiveron máis vixentes. De todo isto, e moito máis, falaremos esta fin de semana nas visitas da Barrié.

***


exposicion víctor said armestoOlga Romasanta Iglesias (Crearte Servizos Culturais), guía da exposición “Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre”.
Na Fundación Barrié até o 15 de marzo.

Visitas guiadas para adultos (de balde e sen reserva previa): 10, 11, 24 e 25 de xaneiro; 7, 8, 21, 22 de febreiro; 7 e 8 de marzo. De 20 a 21h. Posibilidade de reservar visitas para grupos xa conformados durante a semana, tamén gratuitas.

Pin It

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>